A Xunta leva a Suíza o programa Retorna Cualifica Emprego, que ofrece, en Galicia, ata 400 postos de traballo indefinidos para galegas e galegos do exterior

O secretario xeral da Emigración explicará esta fin de semana en Xenebra e Zürich as liñas básicas da nova Estratexia Galicia Retorna (ERG2026), integrada por un cento de medidas e que busca facilitar o regreso á Comunidade de 30.000 galegas e galegos do exterior.

Estará acompañado de representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, quen exporán os detalles da iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que ofrece formación e un contrato indefinido para regresar a Galicia. 

Ambas fundacións encargaranse de xestionar a recollida dos currículums dos candidatos e candidatas e cadralos coas necesidades das empresas galegas.

Antonio Rodríguez Miranda continúa así a campaña de presentación desta ferramenta integral de fomento do retorno, logo dos actos celebrados na Arxentina e O Uruguai con gran afluencia de asistentes.

A presentación realizarase este vindeiro venres, 24 de febreiro, en Xenebra e o sábado, 25, en Zürich
A presentación realizarase este vindeiro venres, 24 de febreiro, en Xenebra e o sábado, 25, en Zürich
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023.

A Secretaría Xeral da Emigración, xunto ás fundacións Nortempo e Venancio Salcines, achegarán esta fin de semana o Programa Retorna Cualifica Emprego a Suíza, o país de Europa con maior colectividade galega e o cuarto do mundo. Esta novidosa medida, que ten como obxectivo ofrecer formación e un contrato indefinido en Galicia para ata 400 galegas e galegos do exterior, está promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e incluída na Estratexia Galicia Retorna 2023-26.

Ambas fundacións son as encargadas de xestionar a recollida dos currículums das candidatas e candidatos galegos do exterior e cadralos coas necesidades que ofertan as empresas galegas.

Antonio Rodríguez Miranda iniciará así a campaña de difusión deste documento en Europa, onde residen preto de 114.000 cidadás e cidadáns galegos, logo do seu paso pola Arxentina e O Uruguai, onde rexistraron unha gran afluencia de público. As presentacións no país alpino da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26, aprobada o pasado 15 de decembro polo Consello da Xunta, levaranse a cabo nas cidades suízas de Xenebra e Zürich. 

O venres 24 ás 19 horas será a Brasserie Arcoop de Xenebra a que acolla o acto informativo sobre a EGR2026 da man da asociación A Nosa Galiza de Xenebra, mentres o sábado 25 ás 17 horas será a sede da asociación cultural “As Xeitosiñas” de Zürich, situada na rúa Zürcherstrasse, a que centre a acción divulgativa deste documento, que consta de 100 medidas e un orzamento de máis de 450 millóns de euros.

Retorna Cualifica Emprego
A nova Estratexia conta cun importante protagonismo do eido laboral, xa que o emprego é imprescindible para asentar poboación, de aí que se destinen 175 millóns ao desenvolvemento de 38 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias. 

Unha das propostas máis importantes é precisamente o programa Retorna Emprego, que busca casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais dos retornados e retornadas. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina. O Goberno galego investirá case 4 millóns nesta iniciativa coa que se dá un novo chanzo para adaptar as necesidades do mercado laboral á man de obra que precisa.

Esta novidosa medida  permitirá ás e aos seus beneficiarios volver á súa terra de orixe cun contrato dunha duración mínima de 12 meses e unha axuda económica para financiar os gastos iniciais, tanto da viaxe de ida a Galicia coma outros de establecemento na Comunidade. 

Dobre de medidas e orzamento
A Estratexia Galicia Retorna 2023-26 duplica tanto en medidas como en orzamento á anterior, posta en marcha en 2018 e que “marcou un punto de inflexión nas políticas de retorno levadas a cabo en España ata o momento”, segundo sinalou Miranda. Co obxectivo de seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior, o documento incide en catro áreas principais: asesoramento e seguimento, eido social, educativo e laboral.

241 lecturas