Miranda interésase pola situación da colectividade galega residente na República Dominicana

O secretario xeral da Emigración reuniuse co membro do Consejo de Residentes Españoles (CRE) Antonio Sánchez Espantoso.

Na República Dominicana residen 2.654 galegas e galegos
Na República Dominicana residen 2.654 galegas e galegos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, interesouse pola situación da colectividade de cidadás e cidadáns galegos residentes na República Dominicana, que acubilla 2.654 galegas e galegos. O responsable autonómico mantivo unha reunión na sede do departamento do Goberno galego co membro do Consejo de Residentes Españoles (CRE) Antonio Sánchez Espantoso para coñecer a realidade das e dos galegos que viven na rexión. 

Miranda salientou o papel fundamental que levan a cabo as e os representantes da colectividade española no estranxeiro, e quixo agradecer a súa colaboración no intenso labor de reforzo dos lazos que unen a poboación española, e nomeadamente a galega, no exterior coa súa terra de orixe. Sánchez Espantoso, nado na provincia da Coruña, é membro do CRE da República Dominicana desde marzo de 2017.  

Un aumento constante de descendentes 
Das e dos 2.654 que residen a 1 de xaneiro de 2018 na República Dominicana, só 439, é dicir, o 16,54 %, foron nacidas e nacidos en Galicia. O 83 % restante foi nado xa no seu país de destino. Aínda así, e por mor das e dos descendentes das primeiras xeracións de emigrantes, en só catro anos a poboación galega nesta illa centroamericana medrou máis dun 13 %, tomando como referencia os 2.345 cidadás e cidadáns galegos que vivían na república en 2015.

578 lecturas