Miranda insta ás Comunidades galegas na Arxentina e Uruguai a “manter o legado dos devanceiros mediante unhas sociedades fortes e con futuro”

O secretario xeral da Emigración explicará estes días en Bos Aires e Montevideo algúns dos aspectos máis destacados do primeiro decreto que desenvolve a nova Lei de Galeguidade.

Asemade, inaugurará na capital arxentina unha exposición sobre a catedral de Santiago de Compostela.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia unha nova viaxe ás capitais das repúblicas Arxentina e do Uruguai, dous dos países con maior presenza de colectividades galegas, para explicar o contido do primeiro dos decretos que desenvolven a Lei de Galeguidade, aprobada polo Parlamento de Galicia hai agora un ano.

Este desenvolvemento normativo é Decreto de Recoñecemento e Rexistro da Galeguidade, cuxo obxectivo é achegarse, coa maior exactitude, precisión e verosimilitude, á dimensión actual da presenza e actividade das Comunidades Galegas asentadas en tódolos lugares do mundo. Desta maneira, poderase debuxar un mapa social fidedigno da diáspora galega e, deste xeito, achegar os recursos públicos en prol dos galegos  e as galegas do Exterior dunha maneira máis eficaz, eficiente, e equilibrada.

Asemade, e pola ampliación da tipoloxía das que poden adscribirse ao Rexistro, a Administración autonómica achegarase á importante variedade e pluralidade das entidades de cidadás e cidadáns galegos no Exterior, algunhas das cales desenvolven o seu labor en ámbitos, disciplinas, ou con obxectivos, moi concretos, recollendo mesmo novas fórmulas asociativas con soporte en internet, a través das redes sociais e iniciativas similares.

Os requirimentos para o recoñecemento e rexistro de Galeguidade implican un seguimento detallado e permanentemente actualizado, por parte da Administración, de tres aspectos fundamentais das Comunidades Galegas: o nivel real de actividade en distintos ámbitos, a súa masa asociativa, e a súa situación económica e viabilidade; sempre respectando o carácter privado de todas elas e, por tanto, a súa independencia de criterio e decisión.

Altura de miras
En tal sentido, o secretario xeral da Emigración instará ás comunidades galegas en Arxentina e Uruguai a reforzar as súas ligazóns coa Galeguidade, e tamén entre elas mesmas, “de maneira que a unidade de acción se traduza a curto prazo en entidades con maior fortaleza e mellores garantías de continuidade no futuro”.

Miranda asegura que “as comunidades galegas nestes dous países son herdeiras dun duro e constante traballo de varias décadas, e dunha transmisión cultural ininterrompida, malia os múltiplos atrancos, en ambas beiras do Mar da Prata. Isto implica un nivel de responsabilidade sen precedentes na historia da diáspora galega para as masas societarias e directivas. Dar continuidade a aquel traballo dos pioneiros é fundamental, pois só así poderemos garantir a fortaleza, constancia e viabilidade destas comunidades”.

Así, o máximo responsable da Administración autonómica en materia de Emigración confía en que “os actuais representantes e responsables destas comunidades pasarán á historia como aquelas e aqueles que forneceron e fixeron medrar a Galeguidade en tempos de dificultades, coa xenerosidade e altura de miras necesarias”.

Axenda
A viaxe de Miranda comeza cunha xuntanza de traballo co delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, e o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Santiago Camba. Posteriormente, inaugurará a mostra Arte e ritual na catedral de Santiago de Compostela, do artista Luis Gabú. A importancia da presenza desta exposición na capital arxentina radica no feito de que a basílica compostelá, canda o Camiño que nela remata, son os grandes valores na proxección internacional de Galicia.

Xa na xornada do mércores, o secretario xeral da Emigración salta ata Montevideo, para manter respectivas xuntanzas co embaixador español nesa República, Roberto Varela, e cos presidentes e presidentas dos centros e comunidades galegas no Uruguai. Xa de volta en Bos Aires, e na seguinte xornada, Miranda manterá unha reunión similar á de Montevideo cos e coas representantes das diversas comunidades galegas con sede na capital arxentina.

863 lecturas