Miranda reúne na súa primeira viaxe da lexislatura a Arxentina ás e aos representantes das comunidades galegas do país

O secretario xeral da Emigración gaba a unidade da diáspora e a súa capacidade de integración nas sociedades de recepción.

Pon como exemplo o multitudinario evento ‘Bos Aires celebra Galicia’ como mostra dunha Galicia exterior forte e unida.

  • Miranda e Dobarro reuníronse con representantes das comunidades galegas na Arxentina
    Miranda e Dobarro reuníronse con representantes das comunidades galegas na Arxentina
  • Miranda e Dobarro reuníronse con representantes das comunidades galegas na Arxentina
    Miranda e Dobarro reuníronse con representantes das comunidades galegas na Arxentina
  • De esquerda a dereita: Alejandro López Dobarro, Beatriz Carballo Regueira e Antonio Rguez. Miranda
    De esquerda a dereita: Alejandro López Dobarro, Beatriz Carballo Regueira e Antonio Rguez. Miranda
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, continúan os seus contactos con institucións locais e colectividades galegas para coñecer de primeira man a actualidade do primeiro e cuarto país do mundo, respectivamente, en número de cidadás e cidadáns galegos residentes fóra de España.

Miranda e Dobarro, de feito, mantiveron a xuntanza máis relevante da súa primeira estadía en Arxentina nesta lexislatura, xuntando ás e aos representantes das comunidades galegas presentes no país, para intercambiar puntos de vista sobre a realidade e actualidade da diáspora na Arxentina.

Secretario xeral e delegado mantiveron asemade outras reunións, como co conselleiro de Educación da Embaixada de España en Bos Aires, Francisco Moldes, a quen presentaron as as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, coas que se pretende captar a mocidade residente fóra e que conclúa a súa formación, fixando a residencia na terra. Estas axudas foran presentadas na xornada anterior á colectividade galega residente no país, que recibiu a iniciativa con importante ilusión.

Bos Aires celebra
Reuníronse igualmente co equipo coordinador do CD musical recompilatorio do evento ‘Buenos Aires celebra Galicia’, que nas tres primeiras edicións atraeu a decenas de milleiros de persoas -tanto galegas como veciñanza da cidade- para dar a coñecer máis polo miúdo a actividade das comunidades galegas en Arxentina, e os múltiplos atractivos turísticos, culturais e gastronómicos da Galicia actual e moderna, e cuxa cuarta edición se celebrará o vindeiro 7 de outubro.

Conduciu o encontro coas persoas e entidades involucradas na produción do CD o presidente da Federación Unión de Asociacións Galegas na República Arxentina, José Luis Sangiao. “Buenos Aires celebra Galicia é a proba máis palpable e notable da fortaleza da diáspora galega, e nun dobre sentido. Por unha banda, pola demostración da súa capacidade de integración e presenza positiva na sociedade de recepción, e, sobre todo, porque amosa ata que punto as e os galegos podemos e sabemos facer cousas xuntos, e facelas ben”, afirmou o secretario xeral.

A xornada incluíu outra xuntanza de traballo coa secretaria da Asociación Civil Fillos do Concello de Zas, membro da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, Beatriz Carballo. Miranda e Dobarro tamén se entrevistaron coa nova directiva da Asociación Civil Centro de Xubilados e Pensionados da República Arxentina, que preside Martín Dono.

A Uruguai
Mañá os dous altos cargos da Xunta desprázanse ata Uruguai, onde pasarán a fin de semana coa finalidade de compartir diversos actos coa colectividade, especialmente a multitudinaria romaría do Centro Galego de Montevideo, a comunidade máis antiga da diáspora en activo: foi fundada en 1879.

1126 lecturas