Miranda inicia unha viaxe a México, a Arxentina e Uruguai co foco posto no retorno, a atención asistencial e a cultura das e dos galegos residentes no exterior

O secretario xeral da Emigración asinará varios convenios de carácter social nos dous países riopratenses.

As tres capitais americanas acollerán xornadas informativas sobre os diferentes programas da Estratexia Retorna 2020 e as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME).

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha viaxe que o levará por México, a Arxentina e Uruguai, países nos que centrará a súa axenda en asuntos de carácter asistencial, cultural e de divulgación dos programas dirixidos a facilitar o retorno a todos aqueles galegos e galegas do exterior que queiran regresar a Galicia. Así, cada unha destas tres capitais americanas acollerá unha xornada informativa sobre as máis de medio cento de medidas transversais deseñadas por todos os departamentos do Goberno galego que integran a Estratexia Retorna 2020, recentemente aprobada polo Consello da Xunta.

O responsable autonómico aproveitará a súa primeira parte da viaxe para difundir estas propostas entre as e os máis de 14.000 galegos que residen en México e para participar na gran celebración anual do Centro Gallego de México, que volverá reunir milleiros de cidadás e cidadáns galegos nas súas instalacións na romaría galega máis popular do país.

Cinco convenios socioasistenciais 
A continuación, o secretario xeral da Emigración voará ata Bos Aires, onde manterá encontros con diversas autoridades españolas e con entidades galegas na Arxentina para tratar temas de actualidade e, máis tarde, a Uruguai. Entre eles salienta a sinatura de cinco convenios socioasistenciais con centros tanto arxentinos como uruguaios. O Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar, o centro de día do Centro Gallego de Mar de Plata, a Asociación Española de Socorros Mutuos La Española, a Casa de Galicia de Montevideo  e o Hogar Español de Montevideo serán os beneficiarios destes acordos, que lles permitirán garantir o seu labor asistencial. 

Os dous países acollerán, así mesmo, sendas xornadas informativas sobre a Estratexia Retorna 2020, nas que se detallarán os requisitos para acceder aos programas de fomento do retorno, entre os que salientan as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), as Axudas ao Retornado Emprendedor e outras deseñadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar a inserción laboral e o emprendemento entre as e os galegos que queiran regresar a Galicia. Tamén o eido cultural ocupará un lugar importante na axenda oficial do responsable da Secretaría Xeral da Emigración, quen asistirá a diversos actos e encontros con entidades galegas nos dous países rioplatenses.

1744 lecturas