Miranda inicia a súa viaxe a México cunha invitación ás galegas e aos galegos do país a coñecer as propostas de emprego e emprendemento para as e os que queiran regresar a Galicia

O secretario xeral da Emigración reuniu no Centro Gallego da capital mexicana decenas de mozas e mozos para informarlles dos principais programas da Estratexia Retorna 2020.

Bos Aires e Montevideo serán os escenarios das xornadas informativas que o responsable autonómico impartirá na Arxentina e en Uruguai.

  • O secretario xeral da Emigración reuniu no Centro Gallego da capital mexicana decenas de mozas e mozos para informarlles dos principais programas da Estratexia Retorna 2020
    O secretario xeral da Emigración reuniu no Centro Gallego da capital mexicana decenas de mozas e mozos para informarlles dos principais programas da Estratexia Retorna 2020
  • Miranda, coa directiva do Centro Gallego de México
    Miranda, coa directiva do Centro Gallego de México
  • O presidente do Centro Gallego de México, Florencio Gulías, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na sede da entidade galega na capital azteca
    O presidente do Centro Gallego de México, Florencio Gulías, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na sede da entidade galega na capital azteca
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, dedicou o inicio da súa viaxe a México a divulgar un dos proxectos que o Goberno galego considera prioritario para esta lexislatura. A difusión dos programas incluídos na Estratexia Retorna 2020, que persigue facilitar aos galegos e ás galegas residentes no exterior o seu dereito a regresar a Galicia, combatindo así o reto demográfico que afronta a comunidade, é un dos eixos sobre os que xira a axenda do responsable do departamento autonómico.

Os máis de 11.000 cidadás e cidadáns galegos menores de 65 anos que residen no país norteamericano, dos máis de 14.000 que hai en total, e os fortes vínculos sociais e culturais que manteñen coa súa terra de orixe fan de México unha das pezas chave do retorno no eido de investimento e emprendemento. A dous dos programas estrela da Secretaría Xeral da Emigración, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que subvencionan os estudos de mestrado nunha universidade galega aos cen mellores expedientes académicos do exterior; e as Axudas ao Retornado Emprendedor, que concede ata 10.000 euros aos retornados e retornadas que queiran emprender en Galicia, súmanse outras do eido do emprego e o emprendemento deseñadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Alternativas variadas e realistas
“Acadar o éxito da Estratexia Retorna 2020 pasa por ofrecer alternativas variadas e realistas para que todos os galegos que queiran regresar a Galicia atopen na súa terra de orixe oportunidades dabondo para instalarse profesional ou empresarialmente”, sinalou Rodríguez Miranda. Entre outras, o responsable autonómico salientou os programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria de fomento e consolidación do emprego nas pemes de nova creación (que busca xerar emprego estable para persoas desempregadas, dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais en Galicia, con especial atención ao rural galego e cun incremento nas axudas dun 25% para as e os emigrantes retornados), o programa Resolve (que permite o acceso a préstamos bancarios avalados de entre 3.000 e 150.000 euros), e a creación dunha liña de apoio propia para as e os emigrantes retornados semellantes ás sectoriais ou con clústers. Ademais, a aquelas galegas e galegos que teñen unha pequena empresa no seu país de acollida facilitaránselle os medios para o seu traslado a Galicia, incentivando o seu establecemento no rural; e gozarán de asesoramento e axuda para conseguir a marca Galicia Calidade.

O Programa Galicia Rural Emprende (con achegas de ata 70.000 euros que poden incrementarse noutros 20.000 adicionais), o programa Emega (de apoio ás iniciativas empresariais constituídas por mulleres), e o programa de Apoio ás Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) son outras das medidas desta consellería incluídas na Estratexia Retona 2020.

Charlas na Arxentina e Uruguai
O secretario xeral da Emigración continuará a súa axenda oficial na súa primeira viaxe do ano tanto a México como á Arxentina e Uruguai con sendas xornadas informativas en Bos Aires e Montevideo sobre a Estratexia Retorna 2020, tralas que tratará de dar resposta ás dúbidas sobre o documento que vén de aprobar o Goberno galego.

906 lecturas