A Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Secretaría Xeral da Emigración achegan a preto de trescentas empresarias e empresarios galegos de Venezuela as oportunidades de investimento existentes en Galicia

Miranda e Yeste puxeron fin en Caracas á rolda de reunións con parte do tecido empresarial galego interesado en estender o seu negocio á súa terra de orixe.

Os representantes do Goberno galego realizaron un balance “máis ca positivo” da viaxe, que busca cumprir co compromiso que a Xunta ten cos galegos e as galegas do exterior.

  • Preto de douscentos empresarios e empresarias asistiron en Caracas á charla sobre oportunidades de investimento en Galicia
    Preto de douscentos empresarios e empresarias asistiron en Caracas á charla sobre oportunidades de investimento en Galicia
  • Preto de douscentos empresarios e empresarias asistiron en Caracas á charla sobre oportunidades de investimento en Galicia
    Preto de douscentos empresarios e empresarias asistiron en Caracas á charla sobre oportunidades de investimento en Galicia
  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración, na súa visita ao Centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración, na súa visita ao Centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
  • Antonio Rodríguez Miranda, na súa visita á Oficina de Asuntos Sociais da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
    Antonio Rodríguez Miranda, na súa visita á Oficina de Asuntos Sociais da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o xerente da Oficina de Atracción de Investimentos GaliciaINVEST do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Leopoldo Yeste Sánchez, veñen de rematar a xira que os levou a varias das principais cidades de Venezuela para expor ás empresarias e aos empresarios galegos as oportunidades de investimento que ofrece Galicia de cara o retorno. Nas diferentes reunións mantidas cunha parte fundamental do tecido empresarial galego, os responsables autonómicos achegaron as posibilidades reais con sede na comunidade autónoma a preto de medio milleiro de potenciais investidoras e investidores. As xuntanzas, celebradas en Valencia e Caracas, congregaron a arredor dun cento de empresarias e empresarios interesados na diversificación ou traslado dos seus negocios no primeiro caso, e a preto de douscentos no da capital venezolana, o que deixa un balance “máis ca positivo” da viaxe conxunta ao país suramericano. 

“O interese amosado cada día con máis consistencia por empresarios de varios países de Latinoamérica, e moi especialmente de Venezuela, medra a medida que as situacións económicas e sociais dos seus gobernos se complican cada día máis”, salientou Miranda, “e parte do noso compromiso cos galegos do exterior é ofrecerlles unha alternativa viable e real ás súas demandas”.

Visitas a entidades para persoas maiores galegas sen recursos  
Miranda aproveitou a súa estancia na Hermandad Gallega de Caracas para visitar o Centro de Día que acubilla e reunirse coas e cos seus responsables e usuarias e usuarios. A continuación, desprazouse á oficina de Bienestar e Asuntos Sociales que se atopa nas instalacións do complexo caraqueño, entidades sociais ambas coas que colabora economicamente a Secretaría Xeral da Emigración para a atención das cidadás e os cidadáns galegos sen recursos residentes no país suramericano.

A axenda oficial do secretario xeral da Emigración rematará coa asistencia á reunión do Padroado da Fundación España Salud, que se celebrará na sede da entidade. A continuación, Miranda manterá un encontro co directiva e os socios e socias da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, que aglutina máis da metade das e dos galegos que residen no país.

Posibilidades de negocio na comunidade autónoma 
Entre as 20 medidas do ámbito económico e laboral incluídas na Estratexia Retorna 2020 (formada por un total de 52) do Goberno galego destacan varias dirixidas ao investimento en Galicia, como a creación dunha liña de apoio propia para as e os emigrantes retornados, ao igual que existen liñas sectoriais ou con clústers; o acceso aos medios a aquelas galegas e galegos que teñen unha pequena empresa no seu país de acollida para o seu traslado a Galicia, incentivando o seu establecemento no rural; accións de fomento do retorno de empresariado e grandes investidoras e investidores galegos do exterior ofrecéndolles oportunidades de investimento na Galicia territorial; a celebración de roldas de financiamento, como “Business Angels”, daqueles proxectos de emprendedores e emprendedoras con máis posibilidades de saír adiante e que busquen liñas de financiamento; propostas de investimento ás empresas galegas que estean en proceso de ampliación do seu accionariado, entre outras.

Ademais, a Secretaría Xeral da Emigración ten en marcha as Axudas ao Retornado Emprendedor, cuxo prazo de solicitude vén de ser ampliado ata o vindeiro 31 de outubro, que outorgan ata 10.000 euros ás e aos emprendedores galegos que retornaran durante os dous anos anteriores a Galicia. O Goberno galego está a fomentar, a través da Estratexia Retorna 2020, tanto a contratación de traballadores e traballadoras coma a creación de autoemprego para persoas emigrantes galegas retornadas. Aos programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que regulan as axudas para impulsar o inicio da actividade para autónomas e autónomos e as destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadoras e traballadores en empresas de autónomos e autónomas hai que engadir as axudas que concede para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación. 

Tamén o programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria aumenta a contía dos beneficios no caso de tratarse de cidadás e cidadáns emigrantes galegos retornados, colectivo ao que se presta especial atención tamén noutras iniciativas do Goberno galego de carácter social, como a Tarxeta Benvida; así de formación, como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) ou as do ciclo superior de Formación Profesional; de retención do talento investigador; ou de cara ao acceso a unha vivenda.

214 lecturas