Miranda informa ás entidades galegas do exterior sobre a nova convocatoria do programa “Conecta co Xacobeo”

O programa está dirixido a galegas e galegos do exterior entre 18 e 64 anos, co obxectivo de difundir o Camiño de Santiago e o fenómeno do Ano Santo.

O secretario xeral da Emigración recordou a recuperación da convocatoria para as persoas dos centros galegos de América.

Imaxe do webinario que se desenvolveu  esta tarde
Imaxe do webinario que se desenvolveu esta tarde
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022.

O secretario xeral da Emigración informou hoxe ás diferentes entidades galegas do exterior, a través dun webinario, sobre a nova convocatoria de axudas “Conecta co Xacobeo” no que poden participar persoas galegas vinculadas a os centros galegos para realizar o Camiño de Santiago no próximo mes de setembro. 

Na reunión cos centros galegos estivo tamén a subdirectora de Relacións coas Comunidades Galegas, Isabel Martínez Pellicer, quen respondeu as distintas consultas sobre esta convocatoria.

As e os galegos do exterior interesados poderán solicitar esta axuda ata o próximo 17 de xullo.

A finalidade deste programa é promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas vinculadas ás entidades galegas que existen tanto no resto das comunidades autónomas españolas, como nos países europeos. E, tal como informou o secretario xeral, tamén se volve abrir a convocatoria aos galegos e galegas residentes nos países americanos. O obxectivo é que, unha vez vivida a experiencia, as e os participantes colaboren como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares nos que os centros teñen a súa sede. 

O programa desenvolverase, previsiblemente, na segunda quincena de setembro. As e os participantes percorrerán os últimos cen quilómetros do Camiño de Santiago en diferentes etapas durante as que se realizará un achegamento ao patrimonio cultural e natural das respectivas zonas do traxecto

En total convócanse 250 prazas, podendo participar as entidades galegas inscritas no Rexistro de Galeguidade asentadas e as e os seus membros de entre 18 e 64 anos. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos traslados das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes desde o seu lugar de orixe ata Galicia e dos de regreso. Así mesmo, tamén se encargará dos desprazamentos internos en Galicia e do aloxamento e manutención.

Este programa, que conta cunha dilatada traxectoria, desenvolveuse o ano pasado e o actual centrados no Ano Santo de cara a promocionar o Xacobeo sen perder o espírito de reencontro con Galicia co que naceu esta iniciativa hai máis de 30 anos. 

Máis información nesta ligazón.

397 lecturas