Conecta co Xacobeo. Ano 2022

Listen to this page using ReadSpeaker
3001 lecturas
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 2 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta co Xacobeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (PR938A).
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
16.06.2022
Estado: 
Procedemento pechado

OBXECTO:
Posibilitar que as persoas vinculadas ás entidades galegas de España, Europa e América manteñan os vínculos coa cultura e as tradicións de Galicia, mediante a realización dos últimos 100 km do Camiño de Santiago ata chegar a Santiago de Compostela

ENTIDADES BENEFICIARIAS:
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

Cada entidade galega poderá solicitar a participación do número de persoas que aparecen reflectidas nos Anexos A, B e C da orde de convocatoria, segundo estean asentadas en países de América, Europa ou Comunidades Autónomas de España. 

Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes, a entidade solicitante non poderá propor a participación doutras persoas diferentes ás indicadas na solicitude. 

As persoas propostas por cada entidade deben ter a nacionalidade española e unha idade comprendida entre os 18 e os 64 anos. Así mesmo, deben valerse por si mesmas e estar nun estado físico que lles permita realizar con normalidade as actividades do programa.

NÚMERO DE PRAZAS CONVOCADAS:
Convócanse 250 prazas dirixidas a entidades galegas do exterior distribuídas do seguinte xeito: 

PRAZAS OFERTADAS NOS PAÍSES DE AMÉRICA
PAÍS Nº PRAZAS OFERTADAS Nº. DE PRAZAS MÁXIMAS QUE PODE SOLICITAR CADA ENTIDADE GALEGA POLO PAÍS NO QUE ESTEA ASENTADA
Arxentina 40 20
Brasil 14 7
Canadá 2 1
Cuba 10 5
Chile 2 1
Costa Rica 1 1
EE.UU. 3 2
México 2 1
Panamá 1 1
Perú 1 1
Porto Rico 1 1
Uruguai 12 6
Venezuela 5 3
Prazas totais 94  

 

PRAZAS OFERTADAS NOS PAÍSES DE EUROPA
PAÍS Nº PRAZAS OFERTADAS Nº. DE PRAZAS MÁXIMAS QUE PODE SOLICITAR CADA ENTIDADE GALEGA POLO PAÍS OU GRUPO DESTES NO QUE ESTEA ASENTADA
Suíza- Liechtenstein 28 13
Alemaña 14 7
Resto de Europa 14 7
Prazas Totais 56  

 

PRAZAS OFERTADAS NAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS DE ESPAÑA
COMUNIDADE AUTÓNOMA OU AGRUPACIÓN DESTAS Nº PRAZAS OFERTADAS Nº. DE PRAZAS MÁXIMAS QUE PODE SOLICITAR CADA ENTIDADE GALEGA POLA COMUNIDADE AUTÓNOMA OU GRUPO DESTAS NO QUE ESTEA ASENTADA
Andalucía, Ceuta e Estremadura 10 5
Canarias 4 2
Cataluña 27 13
C. Valenciana, Rexión de Murcia, Illas Baleares e Castela-A Mancha 9 4
Castela e León,  Asturias, Cantabria, A Rioxa e Aragón 15 8
Madrid 17 8
País Vasco e Navarra 18 9
Prazas totais 100  

 

CARACTERÍSTICAS DO PROGRAMA:
O programa, que se desenvolverá, previsiblemente, na segunda quincena de setembro, consiste en percorrer os últimos 100 km do Camiño de Santiago en diferentes etapas durante as que se realizará un achegamento ao patrimonio cultural e natural das respectivas zonas do traxecto.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos traslados das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes desde o seu lugar de orixe ata Galicia e dos de regreso. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos internos en Galicia e do seu aloxamento e manutención.

O tempo de estadía en Galicia das persoas participantes financiado pola Secretaría Xeral da Emigración limitarase exclusivamente ao de duración do programa.

Non poderán resultar seleccionadas as persoas que participasen neste programa con anterioridade.

Na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) informarase das datas definitivas de desenvolvemento, así como das actividades programadas e do lugar de aloxamento.

SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN:
Os modelos normalizados de solicitude e documentación complementaria (anexos I, II e III) poderán obterse nas páxinas web https://sede.xunta.gal e https://emigracion.xunta.gal.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES picar aquí para acceder á Sede electrónica

NOTA: A solicitude (anexo I) deberá estar completamente cuberta e ir acompañada de tantos modelos do anexo II como persoas propoña a entidade como participantes no apartado Relación nominal de persoas solicitantes incluída no anexo I.

Documentación para descargar:

Documentación a presentar:
a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas propostas pola entidade para participar no programa que non teñan DNI.
b) Certificado de residencia fiscal emitido en 2022 polas autoridades competentes do país de residencia no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.
c) Unha declaración responsable de cada persoa proposta para participar no programa, conforme o modelo oficial que figura como anexo II, de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, de ser apta para participar con normalidade nas actividades do programa e de aceptación das normas de participación.
d) Unha fotografía recente tamaño carné de cada unha das persoas propostas para participar no programa.
e) Para as persoas propostas por parte de entidades galegas de América, certificado médico, segundo o modelo do anexo III, conforme a persoa está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración e a actividade programada.

Forma e lugar de presentación das solicitudes:

A.- Entidades con sede social en España
As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I da resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

B.- Entidades con sede social fóra de España
Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

As entidades só poderán presentar unha única solicitude para a participación no programa.

As solicitudes ou a documentación que se presente por Fax ou por Correo Electrónico non terán validez a efectos de constancia de presentación nin de cumprimento de prazos.

CONTACTO E INFORMACIÓN: 
Secretaría Xeral da Emigración. 
Teléfonos: 981 547 239
Correo electrónico: subdireccionxeral.emigracion@xunta.gal

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
18.07.2022