Miranda expón ás e aos galegos da Arxentina as novidades da convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME)

Antonio Rodríguez Miranda participou na homenaxe que a Comunidad Gallega de Argentina dedicou ás e aos músicos que participaron no Buenos Aires Celebra Galicia.  

  • O secretario xeral da Emigración, na presentación das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) na Arxentina
    O secretario xeral da Emigración, na presentación das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) na Arxentina
  • O secretario xeral da Emigración, na presentación do cedé homenaxe do Buenos Aires celebra Galicia
    O secretario xeral da Emigración, na presentación do cedé homenaxe do Buenos Aires celebra Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, dedicou unha parte importante da súa visita á Arxentina a expor aos galegos e galegas que residen no país andino as características e novidades da nova convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), a terceira desde a súa creación, e que abriu o seu prazo de inscrición o pasado 25 de febreiro. 

O programa, que manterá aberto o período de solicitudes ata o 30 de abril e conta cun orzamento de case 1,3 millóns de euros, dispón este ano de 150 prazas para universitarias e universitarios galegos residentes no exterior que queiran cursar un mestrado nunha das tres universidades públicas galegas. Nos primeiros quince días do prazo son precisamente as galegas e os galegos residentes na Arxentina os que lideran o número de solicitudes presentadas, que serán valoradas por técnicos en función do expediente académico dos candidatos e candidatas.  

“Galicia está sempre encantada de recibir tanto os galegos que regresan como aqueles que son testemuñas directas dunha viaxe que xa fixeran os seus pais ou avós, e que agora eles emprenden en sentido inverso na procura das súas raíces e do seu futuro”, sinalou o secretario xeral da Emigración. 

Presentación dun disco gravado en directo 
A continuación, Miranda asistiu á celebración que a Comunidad Gallega de Argentina organizou para homenaxear a todas e todos os músicos que participaron no Buenos Aires Celebra Galicia, de cuxa actuación se gravou e editou un cedé que se presentou durante o evento. Ao acto asistiron decenas de gaiteiras e gaiteiros, percusionistas, pandereteiras e pandereiteiros e cantantes, que ofreceron un breve repertorio de temas tradicionais galegos.

610 lecturas