Miranda entrega ao Centro Orensano de La Habana o premio 'Celanova, casa dos poetas', nova homenaxe da Galicia territorial ao labor da diáspora en Cuba

O secretario xeral da Emigración sinala como unha importante oportunidade de futuro a xeración de galegas e galegos nados na diáspora.

Lembrou asemade que Galicia e Cuba sempre estiveron preto e reforzaron ligazóns “á marxe de avatares históricos e políticos”.

Na mesa presidencial, de esquerda a dereita: o cónsul de Cuba, José Antonio Solana; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o secretario xeral, Rodríguez Miranda; o presidente de Pen Clube, Luis González Tosar; e o presidente del Centro Orendsano, Roberto Ogando Zas.
Na mesa presidencial, de esquerda a dereita: o cónsul de Cuba, José Antonio Solana; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o secretario xeral, Rodríguez Miranda; o presidente de Pen Clube, Luis González Tosar; e o presidente del Centro Orendsano, Roberto Ogando Zas.
Listen to this page using ReadSpeaker
Celanova / Santiago, 6 de setembro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu o acto de entrega do Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’, que organiza a Fundación Curros Enríquez, ao Centro Orensano de La Habana, unha das comunidades galegas máis antigas do mundo, e cunha aínda importante presenza e relevancia social na capital cubana.

Canda Miranda, participaron no evento o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Luis Fernández, o secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García Gómez, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez González, o alcalde da localidade e presidente da Fundación Curros Enríquez, José Luis Ferro Iglesias, e outras autoridades, así como numerosos persoeiros do eido cultural, e veciños da contorna.

Na súa alocución, Miranda salientou que “sen esquecer o pasado, quixera subliñar que o futuro de Galicia non se entenderá, non poderemos entendelo, sen botar unha ollada ao Exterior, onde están a nacer novas xeracións de galegos –sí, de galegos e galegas identificados con este termo- que son novas oportunidades, novos espellos onde mirar a Galicia do século XXI, e das vindeiras centurias”.

Galegos do Exterior

 

Neste aspecto, Miranda lembrou que, en cifras globais, o 70 por cento dos galegos do Exterior naceron xa nos países da diáspora, porcentaxe que aumenta considerablemente no caso cubano: unicamente 455 dos máis de 36.000 galegos residentes en Cuba naceron na súa provincia de inscrición.

E, sen embargo, a chama da Galeguidade segue acesa e ben viva na illa, mercé ao traballo das comunidades galegas. O secretario xeral da Emigración fixo un recoñecemento explícito aos socios e socias destas entidades, nesta ocasión na figura de Roberto Ogando, presidente do Centro Orensano de La Habana, entidade homenaxeada co devandito Premio

Rodríguez Miranda gabou o compromiso social e polo desenvolvemento da sociedade de acollida que caracterizou e caracteriza á diáspora galega en Cuba, compromiso que tiña o seu reflexo tamén na Galicia territorial, pois moitas foron as achegas dos emigrantes para o progreso da nosa terra. Esa mesma filosofía perseguen nestes días as liñas de axuda que cada ano pon en marcha Emigración, e todo o Goberno galego, para garantir as mellores condicións de vida posibles par tódolos galegos, sexa cal for o seu lugar de residencia.

“Ese compromiso plasmámolo”, afirmou Miranda, “desde o Goberno galego co traballo cotián coa colectividade galega, pero tamén e sobre todo con cada persoa, coas familias, e con moita alta intensidade e compromiso en Cuba. Agora que a illa abre novas portas ao Exterior, neste momento histórico en que se intentan recuperar antigas ligazóns, resulta oportuno lembrar que nos tempos máis difíciles, cando o illamento era regra diaria, é certo que Cuba estivo con Galicia, pero tamén que Galicia soubo estar con Cuba. Demostrouno, demóstrao e tamén o demostrará. Á marxe de avatares históricos e políticos, os lazos entre Cuba e Galicia están fornecidos por anos de respecto, entendemento e cariño mutuos.

1115 lecturas