Miranda renova en Cuba o compromiso de Galicia e o seu goberno coas segundas xeracións de galegas e galegos na illa
O secretario xeral da Emigración participou en encontros de traballo na Habana, onde lembrou as axudas individuais que o seu departamento convoca para galegas e galegos da diáspora en situacións de vulnerabilidade.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, rematou o sábado a súa viaxe a Cuba, durante a que mantivo un novo encontro coa mocidade vinculada á diáspora galega, segundas e terceiras xeracións de galegas e galegos que -malia non ter pisado na inmensa maioría dos casos a terra de orixe das e dos seus proxenitores e avós e avoas- manteñen viva a chama da Galeguidade na illa, con fortes vínculos persoais e culturais.
Así, no encontro organizado pola Federación de Sociedades Galegas de Cuba, que preside Sergio Toledo, o secretario xeral da Emigración instou á mocidade galega na illa a manter e intensificar esas relacións entre ambas beiras do océano, “agora que o mundo cambia a velocidade crecente, e todo indica que se incrementarán de xeito moi notable as relacións exteriores de Cuba”.
Miranda destacou o pulo que ás iniciativas dos mozos e mozas se dá desde as asociacións de galegas e galegos presentes na illa e instounos a seguir traballando conxuntamente, “nun labor común que apoiamos e seguiremos apoiando desde o Goberno galego”, afirmou. O máximo responsable autonómico en materia de Emigración tamén se comprometeu “a estudar o desenvolvemento de novas iniciativas en materia de formación para a mocidade galega en Cuba, iniciativas que se instrumentarán sempre en función das súas propias propostas”.
“Queremos axudar a formar á mocidade vinculada a Galicia, para que estea perfectamente adaptada aos novos tempos sociais e económicos que se aveciñan en Cuba, de maneira que podan seguir axudando á prosperidade do seu país”, sinalou o secretario xeral.
Apoio pioneiro
Lembrou Rodríguez Miranda o apoio pioneiro que o presidente Fraga fixo chegar ás e aos residentes galegos, e a todo o pobo cubano, nun país que daquela sufría o bloqueo internacional: “Se en tempos de peores condicións nas relacións bilaterais, Galicia tivo sempre presente a Cuba, aos galegos de Cuba pero tamén a todo o pobo cubano, levouna no corazón, e apoiou o seu desenvolvemento en todo o posible, con máis razón o fará agora que se presentan novas oportunidades para fortalecer esas estreitas e permanentes ligazóns entre os noso pobos”.
Ligazóns que tiveron pegada na historia e símbolos oficiais de Galicia (estrea do himno na Habana, ou bandeira inspirada na proa dos paquebotes que arribaban ao seu porto cos primeiros emigrantes galegos e galegas), pero sobre todo en centos de milleiros de familias residentes naquela República, como o demostra a presenza permanente de apelidos galegos en calquera listaxe cubana, e mesmo nos rueiros de vilas e cidades.
Axudas a individuos e comunidades
Ademais do encontro coa mocidade, a axenda de Miranda na capital cubana completouse cun encontro de traballo co embaixador de España na illa, Francisco Montalbán, e tamén cos presidentes e presidentas das entidades galegas na capital cubana. Con elas e eles analizou a actualidade da nosa diáspora, e os emprazou a traballar arreo en favor desa unidade das colectividades galegas, e do mantemento e fortalecemento do compromiso das segundas e terceiras xeracións coa terra de orixe das e dos seus antepasados.
Igualmente, Miranda lembrou que o departamento que dirixe convoca cada ano unha serie de axudas para o mantemento e mellora das comunidades galegas do Exterior e as súas infraestruturas e actividades, dotadas neste ano cun total de 1’6 millóns de euros, cun importante aumento do 11’11% nos fondos destinados aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos.
Pero no que máis incidiu o secretario xeral da Emigración foi en lembrar que para os cidadáns e cidadás individuais existe unha liña de axudas individuais para persoas en situacións de vulnerabilidade que supón a maior partida orzamentaria da Secretaría Xeral da Emigración (2’1 millóns de euros, cen mil máis ca o ano pasado), grazas á cal 8.000 familias da diáspora en situación difícil poden manter ou mellorar a súa calidade de vida.
Precisamente, Cuba é o país no que residen o maior número de persoas beneficiarias destas axudas. Na súa xuntanza coas e cos presidentes, Miranda pediu a súa colaboración para que as entidades galegas na illa informen sobre estas axudas e as acheguen a tódalas aquelas persoas, potenciais beneficiarias, que residan en puntos afastados da capital.
Novas relacionadas