Rodríguez Miranda analiza con Ogando Zas a actualidade da diáspora galega en Cuba

  • Miranda (á dereita) e Ogando, durante a reunión no despacho do secretario xeral da Emigración
    Miranda (á dereita) e Ogando, durante a reunión no despacho do secretario xeral da Emigración
  • Miranda (á dereita) e Ogando, durante a reunión no despacho do secretario xeral da Emigración
    Miranda (á dereita) e Ogando, durante a reunión no despacho do secretario xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho ao presidente do ‘Centro Unión Ourensá Amizade e Solidariedade’ da Habana, Roberto Ogando Zas, con quen compartiu información e valoracións sobre a situación das comunidades galegas con presenza en Cuba.

Ogando presentou asemade a Miranda algunhas das actividades desenvolvidas pola entidade que preside, e polas súas agrupacións cultural, musical, deportiva, e da escola de gaita e danza, de importante tradición e sona na capital cubana. Tamén invitou ao alto cargo autonómico a visitar de novo A Habana e a Unión Ourensá, centro que conta segundo o seu rexistro con máis de 3.000 socias e socios, dos que máis do 80 por cento son galegas e galegos.

O Centro Unión Ourensá Amizade e Solidariedade da Habana é unha das comunidades galegas máis veteranas do mundo, e a decana das sociedades provinciais galegas en Cuba. Fundada en 1909 nunhas instalacións de hostalaría ben populares entre a diáspora, desde o primeiro momento tivo como prioridade axudar ás persoas ourensás, e galegas e españolas en xeral, que chegaban á illa, pero tamén e sobre todo enviar achegas á terra natal dos seus socios e socias.

Na súa historia é capítulo relevante que, trala constitución na sede da entidade do Padroado Pro Casa Curros Enríquez, enviouse á Galicia territorial unha relevante remesa para adquirir unha parte da casa en Celanova.

Galegas e galegos en Cuba
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora en Cuba 40.750 galegas e galegos, dos que o 98’9 por cento (un total de 40.300) xa naceron na diáspora. Este dato proba o forte vencello das segundas xeracións coa terra de orixe familiar, que se demostra asemade na riqueza e variedade de actividades que preservan a cultura galega na sociedade habaneira e cubana en xeral.

937 lecturas