A diáspora en Castela e León centrou o acto de fraternidade anual na homenaxe ao ex presidente da Casa de Galicia de Ponferrada, Eloy Fernández

Tamén participou a Secretaría Xeral da Emigración, cuxo titular, Antonio Rodríguez Miranda, estivo presente no acto.

  • O homenaxeado, Eloy Fernández, xunto co secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia
    O homenaxeado, Eloy Fernández, xunto co secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia
  • Eloy Fernández, ex-presidente da Casa de Galicia de Ponferrada, con José Ignacio Paz Bouza
    Eloy Fernández, ex-presidente da Casa de Galicia de Ponferrada, con José Ignacio Paz Bouza
  • De esq. a drta.: Manuel Sánchez (2º tenente de alcalde de Valladolid); Antonio Barbosa; Rodríguez Miranda; e José Ignacio Paz
    De esq. a drta.: Manuel Sánchez (2º tenente de alcalde de Valladolid); Antonio Barbosa; Rodríguez Miranda; e José Ignacio Paz
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2013.

As socias e os socios dos centros galegos de Castela e León celebraron en Valladolid unha merecida homenaxe ao ex presidente da Casa de Galicia de Ponferrada, Eloy Fernández, un referente da diáspora galega na comunidade autónoma veciña á galega.

A homenaxe tivo lugar en coincidencia coa celebración anual de confraternidade, que de maneira rotatoria ten lugar nunha das localidades con centro galego de Castela e León. Desde hai anos, organiza este evento a Federación de Centros Galegos desta comunidade, que encabeza o presidente da entidade de Salamanca, José Ignacio Paz Bouza.

Coa iniciativa deste ano en Valladolid, as comunidades galegas en Castela e León quixeron amosar todo o seu recoñecemento e agarimo a Fernández, que durante moitos anos fixo medrar a semente da Galeguidade na comarca do Bierzo, a máis próxima a Galicia, pero xa en territorio leonés.

Recoñecemento
Por parte da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta, a iniciativa contou coa participación do seu titular, Antonio Rodríguez Miranda, quen transmitiu ás e aos presentes o recoñecemento da Galicia territorial cara aos galegos e as galegas residentes na comunidade limítrofe.

Lembrou Miranda como teñen mudado os tempos desde que, xusto neste 2013 hai 150 anos, Rosalía de Castro escribise un doloroso poema sobre o trato que se rendía aos galegos en Castela. “Por sorte, nin as viaxes son como aquelas, nin as circunstancias son as mesmas, e ben pode dicirse que hoxe máis ca nunca casteláns e galegos se entenden á perfección”, asegurou o secretario xeral.

Ademais de Rodríguez Miranda e o presidente da anfitrioa Casa de Valladolid, estiveron presentes tamén as e os representantes dos centros homólogos de Salamanca, Miranda de Ebro, Burgos, Astorga, León, e o centro do que fora presidente o homenaxeado, Ponferrada.

Actuacións
A celebración contou con centenares de socias e socios que quixeron sumarse a esta especial data de confraternidade, e que puideron gozar das actuacións folclóricas, corais e musicais dos grupos dos distintos centros.

Segundo os datos do INE referidos a 2011 –últimos definitivos publicados-, a colonia de persoas nadas en Galicia e arestora residentes na actualidade na Comunidade Autónoma de Castela e León ascende a 25.200 persoas.

1078 lecturas