Miranda e López Dobarro planifican coas entidades galegas en Arxentina as actividades do 2021

O secretario xeral da Emigración e o delegado da Xunta neste país analizaron tamén coa colectividade arxentina a situación que atravesan polo avance da pandemia.

Adiantáronlles que, nos próximos días, comezarán a convocarse tanto as axudas ás entidades como as de carácter social para axudar ante os problemas que estanse a  producir pola covid-19.

O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia cos e coas representantes das entidades galegas na Arxentina
O secretario xeral da Emigración, durante a videoconferencia cos e coas representantes das entidades galegas na Arxentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas unha reunión de traballo co delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, e as asociacións e casas galegas deste país do Sur de América, co obxectivo de coñecer o avance da situación da pandemia da covid-19 neste país e planificar as actividades para o presente ano. 

Na reunión estiveron presentes Martín Dono, presidente da Asociación Civil Centro Gallego de Jubilados y Pensionados de la República Argentina; Mirta Gosende, secretaria da Asociación Civil Unión Residentes de Outes; Daniel Limes, responsable da Asociación Mutualista Galega Residentes de Vigo; Raúl Pages, presidente de Ribadumia Casa Gallega de Cultura; Ramón Marcote, responsable da Asociación Finisterre en América e Manuel López Fernández, responsable do Centro Gallego de Santa Fe. 

Durante a reunión, Rodríguez Miranda e López Dobarro solicitaron novamente a todas as entidades galegas a creación dunha rede de solidariedade para poder atender á situación de necesidade no ámbito da colectividade galega. Actualmente, as entidades galegas atópanse pechadas e as súas actividades tiveron que ser reconducidas de xeito telemático.

Ante esta situación e ante os problemas económicos que tamén está a provocar a pandemia ás propias entidades e residentes galegas e galegos neste país, a Xunta de Galicia, segundo informou o secretario xeral, está xa a traballar para axilizar as axudas destinadas tanto aos centros como á propia colectividade afectada, tanto para manter a funcionalidade das entidades como para dar solución aos problemas económicos de emerxencia social que están a xurdir. Deste xeito, nos próximos días, comezarán a convocarse tanto as axudas ás entidades como as de carácter social para axudar ante os problemas que se están a  producir pola covid-19.

Neste senso, durante a reunión, analizáronse tamén as actividades a desenvolver ao longo de 2021, xa que moitas delas terán que continuar sendo telemáticas e estarán encamiñadas a difundir e potenciar o Xacobeo no que xa nos atopamos. 

En Arxentina residen actualmente un total de 523.672 habitantes de orixe galega, segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) publicados a data 1 de xaneiro de 2021 polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

503 lecturas