Miranda e López Dobarro recollen as demandas das e dos emigrantes galegos en Arxentina na actual situación de pandemia

O secretario xeral da Emigración e o delegado da Xunta nos países do Sur do continente pediron novamente a colaboración de todas as entidades galegas para a creación dunha rede de solidariedade que permita atender as situacións de necesidade no ámbito da colectividade galega.

Ambos responsables políticos recordaron que o prazo para a liña de emerxencia para galegas e galegos no estranxeiro continúa aberto ata o próximo 16 de novembro.

Miranda e López Dobarro mantiveron unha reunión de traballo cos e coas representantes de entidades na Arxentina
Miranda e López Dobarro mantiveron unha reunión de traballo cos e coas representantes de entidades na Arxentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión de traballo co delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, e as asociacións e casas galegas na Arxentina, co obxectivo de coñecer a situación na que se atopan a causa do longo confinamento que vive o país a raíz da covid-19 e recoller as súas demandas e necesidades. 

Na reunión estiveron presentes Carlos Ameijeiras Miñones, da ABC del Partido de Corcubión; Alberto Quiroga da Asociación Civil Galega Fillos de Porto do Son; Isabel Vilela Louriño, da Asociación Galega Residentes de Mos, Cultura y Recreo; Jesús Iglesias Duro, do Centro Cultura do Partido da Estrada; Marta Aguerre, do Centro Gallego de Avellaneda; Rita Fernández Acevedo, do Círculo Social Val Miñor de Galicia en Buenos Aires; Emiliano Nogueira, da Asociación Centro Partido do Carballiño e Luis Romero, da Asociación Civil Unión Residentes de Dodro.

Durante a reunión, Rodríguez Miranda e López Dobarro solicitaron novamente a todas as entidades galegas a creación dunha rede de solidariedade para poder atender a situación de necesidade no ámbito da colectividade galega. “Os galegos somos unha familia e como tal queremos axudar ao nosos emigrantes que se atopan nunha situación delicada especialmente nunha época tan complexa como a que estamos a vivir”, explicou o secretario xeral da Emigración. 

Por outra banda, tamén recordaron ambos responsables da administración autonómica que continúa aberto o prazo de solicitude das axudas de emerxencia social para galegas e galegos no exterior ata o próximo luns, día 16 de novembro.  Na actualidade, o orzamento o programa é de 200.000 euros.

Neste senso, cabe recordar que estas axudas foron convocadas en agosto deste ano dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega, residentes no exterior e que carecen dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, e que precisan dunha actuación urxente, e poden solicitarse ata o 16 de novembro.   

A activación deste programa busca atender, de xeito prioritario, as situacións de necesidade e dificultade que se está a vivir en moitos países como consecuencia da actual pandemia da covid-19. E as e os demandantes deben ter en conta que estas axudas concédense sempre coa xustificación de que a emerxencia tivera lugar como máximo con 12 meses de antelación á solicitude da mesma.

Entre as razóns especificadas para solicitar estas axudas atópanse, entre outras, a de atoparse no exterior en situación de marxinación social ou de tal grado de dependencia que a persoa solicitante non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio. Tamén se poden solicitar por perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar, así como por problemas urxentes referidos á alimentación, vestido, educación e outros similares non cubertos polos diferentes sistemas de protección nacional dos países nos que reside a persoa beneficiaria.  

Trátase dunha iniciativa da que pode resultar beneficiaria calquera persoa emigrante galega, así como as e os descendentes en primeiro grao, que posúan a condición de galegas ou galegos residentes no exterior, de acordo co establecido legalmente para este recoñecemento.

673 lecturas