Miranda e directivos de ‘Caballeros de Santiago’ de Salvador repasaron a actualidade da diáspora galega en Brasil

O presidente e o director de Relacións Internacionais da entidade carioca expresaron ao secretario xeral da Emigración a súa intención de afondar na estreita e frutífera relación que manteñen coa Xunta de Galicia, en favor dos seus asociados e asociadas.

Na imaxe da xuntanza celebrada en Santiago de Compostela: Miranda, á dereita; Coelho, á esquerda; e, no medio ao fondo, Péres
Na imaxe da xuntanza celebrada en Santiago de Compostela: Miranda, á dereita; Coelho, á esquerda; e, no medio ao fondo, Péres
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho ao presidente da Associaçao Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago de Río Vermelho en Salvador de Baía (Brasil), Santiago Coelho Rodríguez Campo, quen veu presentar ao novo director de Relacións Internacionais e Institucionais da entidade, António Péres Jr.

Coelho e Péres expresaron ao secretario xeral a intención de fornecer e fortalecer a colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración para axudar na proxección internacional de Galicia, aproveitando as fondas e duradeiras ligazóns que irmandan a cidadás e cidadáns galegos e brasileiros a través das xeracións, especialmente en poboacións –como é o caso de Salvador- cunha importante e histórica presenza de comunidades galegas.

Fundada en 1960, esta Associaçao conta con arredor de 2.000 persoas asociadas, das que se calcula que unha terceira parte son galegas e galegos. Posúe un local social de mil cincocentos metros cadrados en cinco andares, con salas de exposicións, de proxeccións, biblioteca ‘Fernando Amarelo de Castro’ dedicada á literatura española e hispanoamericana, e un espazo para representacións teatrais.

Esta sociedade, que conta co recoñecemento oficial de "Utilidade Pública", defínese a si mesma como asociación “cultural e filantrópica” e foi fundada por un grupo de dezaseis amigos, todos eles galegos, que tiñan como principal obxectivo a difusión da cultura e tradicións españolas, e particularmente galega, no estado de Baía.

A Sociedade celebra diversos eventos ao longo do ano, sendo especialmente salientable o do Día das Letras Galegas. O seu grupo folclórico, que naceu como elemento de aproximación entre emigrantes e fillas e  fillos de emigrantes de nacionalidade española en Baía, co tempo pasa a desenvolver un traballo cada vez máis profesional, contratando músicos e profesorado, levando docentes de nivel internacional para o perfeccionamento do grupo, e investindo na infraestrutura da súa Escola de Baile, que ten acadado importante sona dentro e fóra do Estado.

1206 lecturas