Miranda destaca que o roteiro galego 'Descubrindo A Habana Galega' reforza o papel da capital cubana como “berce do galeguismo universal”

O secretario xeral invita a desfrutar dunha ruta que, no marco dos actos do 500 Aniversario da Fundación da Cidade da Habana, pon en valor o nexo entre A Habana e Galicia: “Aquí se cantou por primeira vez o Himno galego, izouse a nosa bandeira ou xurdiu a Real Academia a comezos do século XX”.

Sinala que o percorrido conduce ás e aos visitantes a través de lugares emblemáticos da capital cubana que poñen en valor “a nosa inmensa débeda cultural con Cuba e unha infinidade de lazos”.

Agradece a implicación do músico galego Roi Casal na elaboración dun roteiro que “simboliza o efecto transformador que aportou a epopea galega e que aínda pervive na illa”.

  • Imaxe da presentación na capital cubana do roteiro 'Descubrindo A Habana Galega'
    Imaxe da presentación na capital cubana do roteiro 'Descubrindo A Habana Galega'
  • Imaxe da presentación na capital cubana do roteiro 'Descubrindo A Habana Galega'
    Imaxe da presentación na capital cubana do roteiro 'Descubrindo A Habana Galega'
Listen to this page using ReadSpeaker
A Habana (Cuba), 16 de outubro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na presentación do roteiro galego Descubrindo A Habana Galega, unha iniciativa elaborada con motivo da participación galega nos actos do 500 Aniversario da Fundación da Cidade da Habana, e que ten como obxectivo amosar a profunda pegada galega que aínda hoxe pervive na capital cubana.

Neste marco, o responsable do goberno autonómico puxo en valor o papel principal da illa como “berce do galeguismo universal”. Non en van, e como lembrou, na Habana “cantouse por primeira vez o Himno galego, izouse a nosa bandeira e xurdiu a Real Academia a comezos do século XX”. 

“Cuba e Galicia suman décadas de historias compartidas que ben se poden apreciar a través das rúas da Habana”, proseguiu o secretario xeral, quen animou a desfrutar dunha ruta que pon en valor estes nexos de unión entre as dúas terras. Así, detallou, o percorrido conduce ás e aos visitantes a través de lugares emblemáticos da capital cubana que resaltan “a nosa inmensa débeda cultural con Cuba e unha infinidade de lazos”. 

Neste sentido, o roteiro, recomendado polo músico e compositor galego Roi Casal, e impulsado coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, ten dúas rutas. Unha primeira que comeza polo Palacio do antigo Centro Galego da Habana (hoxe, Gran Teatro de La Habana Alicia Alonso), segue polo Primeiro Centro Galego, os teatros de Payret e Fausto e remata na rúa O’Reilly. E a segunda, que discorre por Triscornia, continuando por Casablanca, os hospitais Hijas de Galicia e La Benéfica, o Instituto de Literatura Lingüística, e remata na Sociedade Cultural de Rosalía de Castro.

“Este roteiro simboliza o efecto transformador que aportou a epopea galega, e que aínda pervive na illa”, incidiu Miranda, felicitando ás e aos organizadores por unha iniciativa que permite “a mellor difusión da nosa cultura e o seu histórico irmandamento coa cultura Cubana”. 

Concerto de Roi Casal 
Durante a súa intervención, Rodriguez Miranda avanzou que no marco desta iniciativa o propio Roi Casal ofrecerá mañá, na Habana, o concerto Son galego, son cubano, cun repertorio que “non fai senón estreitar aínda máis os nexos de unión entre Cuba e Galicia”. 

En imaxes
161 lecturas