Miranda destaca en Madrid o labor de ASOMEGA no apoio aos profesionais galegos do sector sanitario en todo o mundo
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro en Madrid co presidente da Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA), Julio Ancochea, e tesoreiro da asociación para coñecer de primeira man a intensa actividade que esta entidade desenvolve tanto no territorio español como no apoio aos galegos do sector sanitario en todo o mundo. Rodríguez Miranda felicitou á entidade polo seu compromiso en conectar e fortalecer os lazos entre os profesionais da saúde de orixe galega, destacando o seu papel fundamental na promoción do contacto humano e profesional coa comunidade galega e coas universidades de Galicia.
Durante a reunión, o secretario xeral comprometeu o apoio da Secretaría Xeral da Emigración para contribuír a ampliar e difundir as iniciativas desta asociación, reforzando o seu alcance e impacto. Neste sentido, avanzou que esta colaboración se concretará nos próximos meses a través de proxectos conxuntos que permitan seguir impulsando a formación, o intercambio de coñecementos e o apoio aos profesionais galegos no exterior. Rodríguez Miranda agradeceu a Julio Ancochea o seu labor á fronte desta entidade sen ánimo de lucro, que se ten convertido nunha referencia no ámbito sanitario e cultural galego.
Asomega é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo propósito é aglutinar aos profesionais do ámbito da saúde de orixe galega ou que teñan lazos especiais con esta terra.
Novas relacionadas




