Miranda destaca, durante a entrega do premio 'Gallego del Año' do Club de Periodistas Gallegos en Madrid, a aposta de Galicia polo deseño e a innovación da que a empresa Sargadelos é referente

Imaxe da entrega do premio 'Gallego del Año' do Club de Periodistas Gallegos en Madrid
Imaxe da entrega do premio 'Gallego del Año' do Club de Periodistas Gallegos en Madrid
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 8 de abril de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que Galicia está a xerar un ecosistema de deseño e innovación orientado ao desenvolvemento económico e social que está a ser referente dentro e fóra das súas fronteiras e do que é “un claro exemplo a empresa Sargadelos”, a quen se lle fixo entrega do premio Gallego del Año do Club de Periodistas Gallegos en Madrid, que recolleu o vicepresidente da Fundación Sargadelos, Alberto Leiro, durante unha gala celebrada onte no hotel Preciados da capital de España.

Tamén asistiron a este evento a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, así como a presidenta do Club de Periodistas Gallegos en Madrid, Pilar Falcón, o director xeral do grupo El Progreso, José de Cora Paradela, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, concello onde se atopa situada a empresa de cerámica. Durante o seu discurso, Rodríguez Miranda engadiu que “o deseño e a innovación, como a que está a ofrecer Sargadelos, é unha expresión de talento que marca a diferencia nos produtos e servizos feitos en Galicia, tanto dende o punto de vista tecnolóxico, creativo, sostible e de benestar social. Estamos nun momento de oportunidades para reinventarnos e crear máis riqueza e máis emprego de calidade”.

285 lecturas