Miranda compromete o apoio da Xunta na nova etapa do Centro Galego do Perú
O Goberno galego saúda a intención da entidade de relanzar a súa actividade social e cultural, así como a de servir de plataforma para as e os emprendedores galegos que buscan oportunidades de negocio no país andino, e compromete o seu apoio.
O secretario xeral anunciou unha visita a Lima ao longo deste 2014.
O vicepresidente do Centro Galego do Perú, Luis Novo, visitou estes días Galicia para dar a coñecer a autoridades e axentes sociais galegos o obxectivo da entidade a curto prazo de relanzar a súa actividade en materia social, cultural, e tamén económica e empresarial. Novo expuxo os retos de presente e futuro da comunidade galega no Perú ao propio secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, no seu despacho en Santiago.
O Centro quere servir de punto de referencia para os galegos e as galegas residentes en todo o país andino, para a poboación local interesada na cultura e calidade galegas, para as e os investidores peruanos na Galicia territorial, e tamén quere converterse en posto de información avanzada para os cada vez máis numerosos empresarios e empresarias radicadas na Comunidade Autónoma que buscan oportunidades de negocio no país andino. Nos últimos anos, Perú tense convertido nun punto de atracción de primeira orde en moitos sectores, nomeadamente a construción e as industrias derivadas da extracción de recursos mariños.
Neste asunto, traballarán de maneira coordinada o propio Centro, a Secretaría Xeral da Emigración, e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). Non en van, e trala súa xuntanza con Miranda, Novo presentou as posibilidades de Perú aos empresarios e empresarias da comarca de Bergantiños, xantar de traballo no que estivo acompañado polo director da Área de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Abel Veiga, e mailo subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Ramón Brigos.
Perú e Chile, no 2014
No remate da audiencia entre Miranda e Novo, o titular de Emigración comprometeuse a visitar a comunidade galega na capital peruana no decurso deste ano 2014, e a que o departamento que dirixe axude en todo o posible ao Centro neste período de relanzamento das súas facetas social, cultural, e de proxección de Galicia. De feito, Perú e Chile atópanse arestora entre os destinos a visitar polo secretario xeral a curto prazo, por canto son os únicos países de Sudamérica con comunidades galegas significativas que aínda non ten pisado desde que asumira o cargo.
Foto: Diario de Bergantiños
Novas relacionadas




