Un grupo de empresarios da bisbarra e de autoridades, tanto locais coma autonómicas, déronse cita onte en Carballo para participar nun encontro galaico peruano no que estivo presente tamén o vicepresidente do Centro Gallego do Perú, o malpicán Luis Novo Arcay, que se encontra estes días en Galicia gozando dunhas breves vacacións.
A reunión, celebrada ao mediodía nun dos restaurantes do polígono de Bértoa e promovida polo empresario carballés Rogelio Antelo, serviu para realizar un intercambio de impresións sobre as oportunidades de negocio no país andino, e para que Novo solicitase da Xunta -representada polo subdirector de Emigración, Ramón Brigos, e polo director da área de Internacionalización do Igape, Abel Veiga- apoio para a súa entidade.
Compartir experiencias
«Perú é un país que está totalmente en alza e que presenta moitas oportunidades, sobre todo non sector da construción, da minaría e dos servizos», explicou Novo, nacido na localidade peruana de Chimbote -como outros moitos fillos e fillas de emigrantes de Malpica- e que tras regresar a Galicia fai xa máis de tres decenios, emprendeu hai tres anos o traxecto de volta ao país andino como responsable da empresa de grupos electróxenos Genesal.
Así, mostrouse disposto a compartir a súa experiencia e a asesorar a aqueles empresarios e empresarias da bisbarra que queiran seguir os seus pasos e explicou que o Centro Gallego en Perú podería servir de punto de encontro para esas e eses industriais. Non obstante, sinalou que para poder exercer esta función é preciso que dispoña dunha sede propia e máis ampla -na actualidade ocupa un local alugado dentro do Centro Español de Lima- e para iso reclamou a axuda da Xunta.
Novo valorou positivamente a resposta ofrecida tanto por Brigos como Veiga e apuntou que ambos os dous responsables autonómicos lle mostraron o seu apoio institucional.
O deputado autonómico Aurelio Núñez, presente tamén no encontro de onte, destacou o papel que pode xogar o Centro Galego como ponte para as empresarias e os empresarios galegos e sinalou así mesmo que a reunión permitiu a Abel Veiga, que se ocupa da área de Internacionalización do Igape dende fai só uns poucos meses, ter unha primeira toma de contacto co empresariado da bisbarra.
Próximos encontros
Tamén acudiu á reunión o concelleiro de Promoción Económica de Malpica, Alfredo Cañizo, quen propuxo que este primeiro encontro galaico peruano teña continuidade e ofreceuse a que a próxima edición teña lugar no seu municipio. Novo mostrouse disposto tamén a promover outro encontro similar en terras andinas.
Fonte e foto: La Voz de Galicia




