Miranda compromete co Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires un acordo de colaboración por 50.000 euros para a atención sociosanitaria a galegas e galegos residentes en Arxentina
O secretario xeral da Emigración mantivo hoxe unha videoconferencia co presidente esta entidade, Bernardo Rey González.
En 2021 auméntase a dotación de cara a que a entidade poida facer fronte ás necesidades derivadas da actual pandemia.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co presidente do Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires na que se lle trasladou o compromiso dun acordo de colaboración por 50.000 euros para a atención sociosanitaria dos galegos e galegas residentes nesta cidade arxentina.
Precisamente a covid-19 motivou o aumento da dotación do convenio xa en 2020, pasando dos 20.000 euros do ano anterior aos 40.000. En 2021, volverá a incrementarse a cantidade ata chegar aos 50.000.
Durante o encontro dixital, analizouse tamén a situación actual da institución. Neste senso, Bernardo Rey informoulle a Rodríguez Miranda de que a entidade mantén a súa actividade con total normalidade, ofrecendo un servizo integral aos 90 usuarios e usuarias que se atopan actualmente no centro.
O Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires, situado en Domselaar, conta na actualidade con 296 socias e socios, dos que 198 son de orixe galega. Nesta cidade arxentina existe unha ampla colonia de persoas galegas anciás que por razóns de carácter social necesitan ser acollidas de xeito asistencial. Esta entidade dá así atención a este colectivo ante dita situación de desamparo, proporcionándolles unha vivenda permanente nun albergue digno, asistencia integral, alimentación, control da saúde e asistencia social, ben por apoio familiar ou porque carezan de achegados.
A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con este fogar, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente na Arxentina e que estean a pasar dificultades vitais, “especialmente no caso dos máis maiores, un colectivo xa de por si vulnerable e que nesta pandemia está a ser o máis afectado”, explicou Rodríguez Miranda.
“O noso interese radica na pretensión de mellorar a súa saúde, o seu benestar social e a súa calidade de vida. A situación vivida polo virus da covid-19 obriga a este tipo de entidades a levar a cabo diferentes accións de prevención, hixiene, realización de probas e habilitación de salas de illamento, o que supuxo, evidentemente, un importante desembolso en adquisición de material e contratación de persoal”, engadiu o secretario xeral.
Novas relacionadas