Miranda chega ao Brasil para impulsar a promoción do Xacobeo 2021 e no marco dos actos conmemorativos da celebración da Hispanidade

O secretario xeral da Emigración reúnese, durante a primeira xornada en Río, co embaixador de España, Fernando García Casas, e máis co cónsul, Luis Prados Covarrubias, na procura de incrementar o traballo institucional e a cooperación.

Destaca na visita ao Hospital Español da Sociedade Espanhola de Beneficência a “solidariedade cos máis desfavorecidos” como marca distintiva da diáspora galega. 

Sitúa a entidade como exemplo dos “moitos centros en todo o mundo vinculados a Galicia e España que cobren as necesidades dos nosos maiores, atendéndoas na medida do posible”.

  • Na imaxe, de esquerda a dereita: o secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, o cónsul xeral en Río de Xaneiro e o embaixador de España no Brasil
    Na imaxe, de esquerda a dereita: o secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, o cónsul xeral en Río de Xaneiro e o embaixador de España no Brasil
  • O secretario xeral da Emigración tamén se reuniu co equipo directivo do Hospital Español da Sociedade Espanhola de Beneficência
    O secretario xeral da Emigración tamén se reuniu co equipo directivo do Hospital Español da Sociedade Espanhola de Beneficência
Listen to this page using ReadSpeaker
Río de Xaneiro (Brasil), 18 de outubro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, iniciou hoxe a súa viaxe polo Brasil -a onde chega procedente de Cuba-, na procura de impulsar a promoción do Xacobeo 2021 e no marco dos actos conmemorativos da celebración da Hispanidade. 

Neste contexto, na súa primeira parada en Río de Xaneiro, o responsable do departamento autonómico mantivo cadanseu encontro co embaixador de España, Fernando García Casas, e máis co cónsul, Luis Prados Covarrubias, que se sitúan dentro do estreito contacto que mantén o Goberno galego coas e cos representantes do español no Brasil, e que permitiron poñer sobre a mesa distintos proxectos de cooperación de cara aos vindeiros meses.   
 
Así mesmo, e tamén no transcurso desta primeira xornada en terras brasileiras, Rodríguez Miranda visitou o Hospital Español da Sociedade Espanhola de Beneficência , que presta asistencia sanitaria de maneira gratuíta ás e aos emigrantes sen recursos. “É para min toda unha honra visitar esta institución e comprobar con orgullo como mantén, adaptándoa aos novos tempos, a súa vocación orixinal de servizo á comunidade”, sinalou o secretario xeral. E engadiu: “O Hospital Español ten conseguido que o termo beneficencia se poña ao día en pleno século XXI e, ao tempo, entronque coa súa orixe de facer o ben, e de facelo a quen máis o necesita”. 

O titular do departamento autonómico puxo de relevo que a solidariedade coas e cos necesitados de especial coidado nas últimas estacións do seu percorrido vital foi –e aínda o é- un dos sinais característicos da emigración galega. “Quero agradecerlles seguir dando brillo e valor a este marabilloso estandarte da universalidade española, no que a presenza galega é ben relevante. Son moitos os centros en todo o mundo vinculados a Galicia e España que se centran no traballo de cubrir as necesidades dos nosos maiores, e atendelas na medida do posible”.

A Sociedade Espanhola de Beneficência puxo en marcha o Hospital Español no ano 1928, e conta co apoio do Goberno galego para levar a cabo axuda sanitaria aos españois e españolas residentes en Río de Xaneiro, en especial ás persoas sen recursos económicos.

O segundo país con máis galegas e galegos do mundo
O Brasil é o segundo país do mundo cunha maior presenza de cidadás e cidadáns galegos, con 48.691 residentes, só por detrás da Arxentina, que segue a encabezar a listaxe con máis de 178.000 galegas e galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), con data 1 de xaneiro de 2019. Delas e deles 24.638 proceden da provincia de Pontevedra, 10.860 da Coruña, 11.164 de Ourense e 2.029 de Lugo. Do total de galegas e galegos residentes en Brasil só o 23,38 %, é dicir, 11.386 foron nados en Galicia; o resto son descendentes xa nacidas e nacidos no país de destino.

808 lecturas