Miranda centra a súa viaxe a América en buscar estímulos, conxuntamente coas entidades galegas, para a recuperación das actividades coa colectividade

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro cos centros galegos en Montevideo aos que lles trasladou a necesidade da apertura dun período de reflexión sobre a necesidade da integración de institucións para adaptarse á realidade social do século XXI.

Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das entidades galegas no Uruguai
Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das entidades galegas no Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (Uruguai), 1 de decembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, celebrou onte en Montevideo unha reunión coas entidades galegas no Uruguai, tralos dous anos de pandemia que impediu os encontros presenciais, e na que se falou sobre a recuperación das actividades coa colectividade e a posibilidade de integración de institucións.

O secretario xeral da Emigración estivo acompañado neste encontro do director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, aproveitando que esta tarde terá lugar a representación, por primeira vez no Uruguai, da produción O charco de Ulises, no Auditorio Nelly Goitiño-Sala Héctor Tosar. 

Tamén asistiu a esta reunión a cónsul xeral de España no Uruguai, María Victoria Scola Pliego, a quen o secretario xeral agradeceu a súa presenza e interese pola colectividade galega neste país.

No encontro estiveron presentes as e os representantes da Federación de Asociaciones Gallegas en Uruguay, o Centro Cultural y Recreativo “Alma Gallega”, o Centro Gallego de Montevideo, o Centro Social, Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor, o Centro Cultural Hijos de Galicia, o Centro Ourensán de Montevideo, o Centro Pontevedrés Social y Deportivo, o Centro Social Bergantiños, Unión Hijos de Morgadanes, o Hogar Español e a Asociación de Empresarios Gallegos en Uruguay (AEGU).

Miranda centrou a súa viaxe a América en buscar estímulos, conxuntamente coas entidades galegas, para a recuperación das actividades coa colectividade, aproveitando tamén para trasladarlles avances dos programas de acción social para o próximo ano.

Tamén solicitou ás entidades que abrisen un período de reflexión sobre como avanzar na necesaria integración de institucións para adaptarse á realidade social do século XXI. 

Finalmente, durante o encontro, Rodríguez Miranda tamén fixo un balance das diferentes accións de apoio da Secretaría Xeral ás entidades galegas do exterior durante o presente ano, moi centrado no apoio social á colectividade de cara a paliar as consecuencias provocadas pola crise da pandemia da covid-19.

445 lecturas