Apoiar á colectividade e as políticas de retorno centraron a viaxe de Emigración aos dous continentes con maior presenza galega

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo diversas reunións con máis de 40 entidades galegas de América e Europa. 

A viaxe permitiu manter encontros institucionais co Goberno dos países visitados e cos e coas representantes do Estado español neles.

Durante a viaxe, apoiou a cultura galega a través da representación, por primeira vez na historia, dunha obra do Centro Dramático Galego nos principais teatros de Montevideo e Bos Aires.

Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, concluíu a súa primeira viaxe á Arxentina, Uruguai e Suíza dende o comezo da pandemia, que estivo centrada no apoio á colectividade do exterior nos países con maior presenza galega en ambos continentes así como á visibilización das políticas de retorno da Xunta de Galicia. 

Rodríguez Miranda mantivo distintas reunións de traballo con máis de 40 entidades galegas destes tres países, nas que se buscaron estímulos para a recuperación das actividades coa colectividade ademais de trasladarlles a necesidade de apertura dun período de reflexión sobre a necesidade da integración de institucións para adaptarse á realidade social do século XXI.

Por outra banda, o secretario xeral tamén reafirmou que a pandemia fixo aflorar as fortalezas do traballo conxunto de entidades galegas no exterior e Administración autonómica en prol da colectividade, apoiando aos galegos e galegas que sufriron maiores complicacións por causa da situación sanitaria e aos propios centros que viron reducidas as súas actividades e ingresos. 

Aproveitou estes encontros para pedir a colaboración das entidades na difusión das diferentes liñas de apoio ao retorno que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que xorden dun acompañamento integral que se inicia xa no propio país de orixe. E é que non cabe esquecer que estes tres países contan coa metade dos galegos e galegas do exterior, 263.126 persoas.

A viaxe permitiu manter encontros institucionais co Goberno dos países visitados e cos e coas representantes do Estado español, a quen lles trasladou a necesidade de seguir traballando na mesma liña de apoio á colectividade.

Finalmente, a viaxe tamén serviu para apoiar á cultura galega, a través da representación, por primeira vez na historia, da obra O charco de Ulises, do Centro Dramático Galego, que supuxo un éxito de público e crítica durante a súa representación no Teatro Astral de Bos Aires e no auditorio Nelly Goitiño-Sala Héctor Tosar de Montevideo. De feito, a obra foi declarada de Interese Cultural da Cidade Autónoma de Bos Aires, iniciativa da deputada de orixe galega Cecilia Ferrero.

667 lecturas