Miranda asinará este martes os convenios para mantemento do Fogar Galego para Anciáns de Domselaar e para o centro de día do Centro Galego de Mar del Plata

Antes de aterrar na República Arxentina, o secretario xeral da Emigración participa este domingo na Gran Romaría organizada polo Centro Galego de Montevideo.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visita este domingo a capital da República Oriental do Uruguai, onde participará nunha das citas máis senlleiras da diáspora en todo o mundo, a Gran Romaría organizada polo Centro Galego de Montevideo nas instalacións do Parque Social e Polideportivo de Carrasco.

Trátase dun dos eventos máis destacados da Galeguidade, non só pola súa tradición e importancia entre a comunidade galega no Uruguai, senón tamén polo impacto social na poboación de acollida, e sobre todo polo seu alto nivel de participación, contándose por milleiros as persoas asistentes.

Cómpre lembrar que o Centro Galego de Montevideo é o máis antigo do mundo en funcionamento (foi fundado en 1879), e o seu presidente ou presidenta é membro nato na Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, feito que recoñece o papel histórico e simbólico desta institución.

En Bos Aires
Xa na xornada do luns 17, Miranda chegará á capital da República Arxentina, onde manterá contactos con autoridades do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires para poñer en común diversos aspectos relacionados coa ampla colectividade galega residente na capital.

Xa o martes 18, Miranda reunirase pola mañá, na Delegación da Xunta en Bos Aires, con responsables da Fundación Galicia América, que xestiona o Colexio Santiago Apóstol. E a mediodía asinará dous convenios na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, o primeiro para o funcionamento e mantemento do Fogar Galego para Anciáns de Domselaar, e o segundo para o centro de día dependente do Centro Galego de Mar del Plata.

1140 lecturas