Miranda anima ao Lar Galego de Pamplona a seguir a ser o referente da difusión da cultura de Galicia na capital navarra

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro coa presidenta da entidade, María Jesús Rodríguez, na que lle transmitiu o seu respaldo á xestión da xunta directiva.

Imaxe da reunión celebrada na sede de Emigración en Santiago de Compostela
Imaxe da reunión celebrada na sede de Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, animou ao Lar Galego de Pamplona a seguir a defender o seu labor como centro de referencia da divulgación da cultura e os costumes de Galicia na capital navarra. O responsable do departamento autonómico trasladou persoalmente á presidenta da entidade galega, María Jesús Rodríguez, os seus parabéns pola intensa actividade que está a manter o centro con sede na cidade pamplonesa ao longo de todo o ano. Miranda aproveitou a xuntanza coa máxima responsable do Lar Galego de Pamplona para amosar o seu respaldo á xestión que está a realizar a xunta directiva que a acompaña no traballo diario de organizar e dirixir o centro. 

A entidade conta actualmente con preto de 250 persoas asociadas, que representan as e os 3.374 galegos que residen na Comunidade Foral de Navarra, segundos os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) con data 1 de xaneiro de 2018. Do total de cidadás e cidadáns galegos empadroados nesta comunidade autónoma, 1.098 son orixinarios da provincia da Coruña, 1.065 da de Pontevedra, 697 da de Ourense e, por último, 514 da de Lugo.

790 lecturas