Cumprindo a súa promesa, Camba cea esta Noiteboa cos e coas residentes do Fogar Galego para Anciáns de Domselaar

O secretario xeral da Emigración inaugura hoxe venres as instalacións de campo do Centro Galego de Mar del Plata, tamén na República Arxentina.

Esta pasada noite compartiu cea coas e cos presidentes dos centros galegos de Uruguai, que coinciden coa Xunta na necesidade da reforma da Lei de Galeguidade, e de acordar accións conxuntas para dotar de máis viveza ás entidades.

  • Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar
    Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar
  • Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar
    Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar
  • Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar
    Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar
  • Camba e López Dobarro, delegado da Xunta en Bos Aires, durante a cea de Noiteboa cos e coas residentes do Fogar.
    Camba e López Dobarro, delegado da Xunta en Bos Aires, durante a cea de Noiteboa cos e coas residentes do Fogar.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, compartiu cea esta pasada noite (madrugada de onte xoves para hoxe venres en Galicia) coas e cos trece presidentes das comunidades e entidades galegas da República Oriental do Uruguai, no porto de Montevideo.

Alí tivo oportunidade de comprobar a sintonía total entre a Xunta e os centros galegos daquel país en dous aspectos fundamentais, que supoñen arestora unha prioridade de actuación para o departamento de Camba: a necesidade dunha nova Lei de Galeguidade –a actual cumprirá axiña 30 anos-, e a conveniencia de acordar accións conxuntas –sen desbotar a posibilidade de fusións- entre os centros galegos na diáspora.

Na xuntanza estiveron presentes as e os máximos responsables da Casa de Galicia de Montevideo, Manuel Ramos; Centro Cultural e Recreativo Alma Galega, Jesús Rodríguez; Centro Social, Cultural e Deportivo de Bolos Val Miñor, Carlos Barcia; Centro Galego de Montevideo, Jorge Torres; Centro Cultural e Deportivo Fillos de Galicia, Aniceto Chaín; Centro Ourensán de Montevideo, Jesús Vázquez, Centro Pontevedrés Social e Deportivo, Valentín López; Centro Social e Cultural Bergantiños, Walter Pena; Unión Fillos de Morgadáns Residentes no Plata, Roberto Pérez; Sociedade de Campo Lameiro do Uruguai Social e Recreativa, José Fernández; Federación de Asociacións Galegas no Uruguai, Eduardo Miras; Fogar Español, Antonio Ríos; e Padroado da Cultura Galega, Ana María Lorenzo. Non puido acudir á cita a presidenta da Asociación Fillos do Concello de Porto do Son, Eugenia Vildós.

En Mar del Plata
Na xornada de hoxe, o secretario xeral da Emigración trasládase á República Arxentina. Alí, no Centro Galego de Mar del Plata, será recibido polo seu presidente, Francisco Solla, quen amosará a Camba o Centro de Día e lle exporá algunhas das novidades e necesidades destas instalacións.

Despois, a comitiva trasladarase ás aforas da localidade, onde o alto cargo do Goberno galego será o encargado de inaugurar as novas instalacións campestres e de recreo do Centro. Camba apelará de novo á necesidade da unión entre as entidades da diáspora para fornecer as ligazóns entre a Galicia territorial e as súas fillas e fillos espallados por todo o mundo.

Noiteboa en Domselaar
Xa mañá sábado, e cumprindo a súa promesa realizada nunha recente visita, o secretario xeral da Emigración compartirá a cea de Noiteboa cos e coas residentes do Fogar Galego para Anciáns de Domselaar, localidade próxima a Bos Aires e cunha relevante colonia galega.

O Fogar Galego para Anciáns de Domselaar é toda unha institución na diáspora galega. Trátase dunha entidade fundada en 1943 por un grupo de galegas e galegos solidarios, motivados por un feito moi significativo: unha anciá galega, natural de Ourense, falecera nunha rúa de Bos Aires a causa do frío que naquel momento asolaba o país; isto impulsou aos fundadores a crear unha casa de acollida e amparo das e dos máis necesitados.

A residencia ubicada en Domselaar ten unha superficie de 4.500 m2, levantada sobre una extensión total de 35 hectáreas, onde dispoñen de espazos arborados, horta cultivada, xardín, etcétera, ademais dun cruceiro de pedra granítica construído e doado especialmente para o Fogar por un grupo de canteiros de Marín.

Desde a súa fundación hai case sete décadas, polo Fogar Galego para Anciáns de Domselaar teñen pasado milleiros de paisanos e paisanas que, grazas á impagable labor desta institución, tiveron un teito baixo o que se protexeren nos seus derradeiros anos de vida. A Xunta de Galicia ten recoñecido en múltiplas ocasións o seu exemplar labor solidario. Co seu xesto de acompañalas e acompañalos na cea de Noiteboa, Camba pretende simbolizar nesta data tan especial do calendario a proximidade do pobo galego cos seus paisanos e paisanas de alén o Atlántico, así como recoñecer, unha vez máis, o traballo do Fogar.

1451 lecturas