Miranda aposta pola formación como clave para que a nova Oficina de Asesoramento e Seguimento achegue “a mellor resposta aos galegos do exterior no proceso de retorno”

O secretario xeral da Emigración lembra “o importante que é esta nova oficina no acompañamento persoal para atender á xente do exterior no proceso de volta á casa”.

Subliña a “especial sensibilidade e atención” que demanda a colectividade, especialmente naqueles países que atravesan situacións de maior dificultade, como é o caso de Venezuela. 

A nova oficina terá  a súa sede central en Santiago, e contará con presenza tamén nas delegacións territoriais de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

O secretario xeral da Emigración, esta mañá, na xornada de formación para o persoal da nova Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno
O secretario xeral da Emigración, esta mañá, na xornada de formación para o persoal da nova Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de asistir á xornada de Formación para o Persoal da nova Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que o seu departamento porá en marcha nas vindeiras semanas. Un marco no que defendeu a importancia da formación das e dos técnicos especializados da mesma para achegar “a mellor resposta do xeito máis áxil aos galegos do exterior no proceso de retorno”. 

“Este proxecto sitúase no marco da especial sensibilidade e atención que queremos e debemos prestar á nosa colectividade, especialmente naqueles países que atravesan situacións de maior dificultade, como pode ser o caso de Venezuela”, afondou Miranda, quen destacou, para acadar este obxectivo, o importante de que o persoal da oficina teña a mellor formación posible para facer un acompañamento persoal durante o proceso de retorno.  

O curso estivo a cargo da Subdirección Xeral de Xestión Económico- Administrativa e do Servizo de Planificación e Xestión de Programas, na procura de orientar ao novo persoal sobre o labor desenvolto na Secretaría e a súa aplicación práctica na oficina. 

Formación especializada 
Esta oficina terá a súa sede central en Santiago e contará tamén con atención ao público nas delegacións da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. O novo persoal conta cunha formación especializada nos eidos xurídico e social, na procura de atender e asesorar do mellor xeito posible a todas e todos aqueles que demanden axuda, coordinando e resolvendo os problemas, tanto cos galegos e galegas no exterior como coas e cos retornados, do mellor xeito posible.  

881 lecturas