A Xunta agradece o labor do Centro Galego de Cuxhaven na difusión da cultura de Galicia e do seu mar en Alemaña

Imaxe da visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, ao Centro Galego de Cuxhaven
Imaxe da visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, ao Centro Galego de Cuxhaven
Listen to this page using ReadSpeaker
Cuxhaven (Baixa Saxonia, Alemaña), 5 de setembro de 2022.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo onte un encontro con representantes do Centro Cultural Galego de Cuxhaven, no estado da Baixa Saxonia, no marco da súa viaxe a Alemaña para acompañar ás empresas galegas do mar que participan na feira Fish International que se celebra entre onte e o vindeiro martes na cidade de Bremen. A titular de Mar, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, agradeceu o labor desenvolvido pola entidade a prol da difusión da cultura galega no país, e moi especialmente no eido do mar, coa celebración de xornadas como o Día de Galicia ou o Día do Marisco, ás que se lle suman outras como o Carnaval, a Pascua ou o Día do Emigrante.

O Centro Cultural Galego de Cuxhaven ten a súa orixe no ano 1980 como consecuencia da presenza nesta cidade alemá dun grupo de emigrantes galegas e galegos que se asentaron nela atraídos pola forte industria de peixe existente na zona. A entidade, que conta na actualidade con preto de 300 persoas asociadas, está integrada na Coordinadora Federal das Asociacións Galegas en Alemaña e ten entre os seus obxectivos fomentar e promocionar a cultura galega no país. Con esa finalidade desenvolve actividades culturais, sociais e recreativas con accións como cursos de lingua galega, confección de traxes rexionais, reunións gastronómicas, excursións didácticas e outros eventos para enxalzar a cultura e as tradicións da comunidade autónoma. 

298 lecturas