Miranda amosa o seu apoio ao labor cultural e de conservación das tradicións que desde hai 40 anos leva a cabo o Centro Galego Val do Rhin

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro co secretario da entidade galega de Suíza, Francisco Calvo, no aniversario das súas catro décadas de vida.

O secretario xeral da Emigración, durante a reunión cos membros da entidade galega en Heerbrugg (cantón de St. Gallen)
O secretario xeral da Emigración, durante a reunión cos membros da entidade galega en Heerbrugg (cantón de St. Gallen)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, amosou o seu apoio ao labor cultural e social que está a levar a cabo o Centro Galego Val do Rhin na localidade suíza de Heerbrugg desde hai 40 anos. O responsable do departamento autonómico transmitiu o compromiso da Xunta de Galicia con todas as galegas e os galegos que residen nesta rexión do país helvético durante a reunión que mantivo na capital galega co seu secretario, Francisco Calvo, con quen estudou posibles colaboracións para a difusión da tradición e a cultura galega en Suíza.

Fundada en 1979 cos obxectivos de fomentar o acercamento de tódalas e tódolos galegos, defender a lingua galega, desenvolver actividades encamiñadas á difusión da cultura galega e recreativas, intentar inculcar ás novas xeracións que non deben esquecerse de que son galegas, e prestar axuda a todas e todos os españois, sexan ou non socios, celebra este ano o seu 40 aniversario. O Centro foi inaugurado en abril do ano 1979 por 36 persoas de orixe galega, que sentían a necesidade de ter un lugar de reunión, onde poder falar e entenderse na súa lingua, “así como para coñecernos máis entre nós mesmos. Para que os nosos fillos poidan coñecerse entre eles, para que todos xuntos poidamos facer máis forte o galego na Suíza”, segundo as súas propias palabras.

O terceiro país do exterior con máis cidadás e cidadáns galegos
Suíza é o terceiro país do exterior con maior poboación galega. Nel residen, segundo as últimas cifras publicadas polo INE, a 1 de xaneiro de 2019, un total de 41.104 galegas e galegos, dos que 36.851 teñen menos de 65 anos. Do total, algo menos da metade, o 47,73%, é dicir, 19.618, foron nadas e nados en Galicia, e o resto, descendentes daquelas  e aqueles, xa no seu país de destino. 

447 lecturas