Miranda comprometeuse a visitar á colectividade galega de Salvador de Baía tras reunirse co presidente do Galícia Esporte Clube

O secretario xeral da Emigración recolleu a invitación de Manuel Muíños para asistir á inauguración das novas instalacións deportivas desta entidade.

Imaxe celebrado do encontro celebrado na sede da Secretaría Xeral da Emigración na capital de Galicia
Imaxe celebrado do encontro celebrado na sede da Secretaría Xeral da Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá un encontro co presidente do Galicia Esporte Clube de Salvador de Bahía, Manuel Muíños, quen lle trasladou a invitación para asistir, no primeiro trimestre do próximo ano, á inauguración das súas instalacións remodeladas do Parque Santiago.

Rodríguez Miranda agradeceu a invitación confirmando a súa vontade de asistir e trasladándolle tamén o seu interese por aproveitar a viaxe para manter un encontro coa colectividade galega nesta cidade brasileira, unha das que conta con máis presenza galega neste país americano.

A entidade deportiva, que conta case con 90 anos de existencia, leva xa varios anos colaborando activamente coa Secretaría Xeral de cara a fomentar a cultura galega entre a xuventude que se incorpora ás súas filas, moitas e moitos deles, descendentes de residentes galegas e galegos en Salvador de Baía. 

Durante o encontro fíxose un intercambio de camisetas, recollendo Antonio Rodríguez Miranda a do clube de fútbol, e Manuel Muíños a do Xacobeo 21·22.
 
O Galícia Esporte Clube foi fundado o 1 de xaneiro de 1933 por emigrantes galegos e co paso dos anos tense convertido nun dos máis tradicionais clubes baianos, historicamente ligado á colonia española de Salvador, ata erixirse no primeiro tricampión baiano de fútbol. Por el pasaron algúns dos xogadores máis representativos da selección de fútbol brasileira, como o ex xogador do F.C. Barcelona Marinho Peres (que disputou o Mundial de 1974), Toninho (o Mundial de 1978), Washington César Santos ou o dianteiro Oséas.

583 lecturas