Miranda anima ás e aos galegos de Santos e São Paulo a emprender en Galicia a través das axudas deseñadas pola Xunta para formentar o retorno

O secretario xeral da Emigración trasladou á colectividade galega no Brasil a nova Estratexia Galicia Retorna, que aposta polo eido laboral e o educativo con ata 100 iniciativas para favorecer o retorno á comunidade autónoma. 

Durante o encontro cos galegos e galegas residentes nestas dúas localidades brasileiras, expuxo as medidas deseñadas pola Xunta ás que poden optar tanto para poñer en marcha un negocio propio, como as Axudas ao Retorno Emprendedor, como para traballar por conta allea, como o Retorna Cualifica Emprego. 

Para aqueles e aquelas que queiran regresar á comunidade para seguir formándose, a Secretaría Xeral mantén aberta ata o vindeiro 28 de abril as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que permiten realizar un máster nunha das tres universidades galegas. 

  • Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 en Santos
    Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 en Santos
  • Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 en São Paulo
    Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 en São Paulo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santos & São Paulo, Brasil, 27 de marzo de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou, ante as colectividades galegas de Santos e de São Paulo a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26, informando das vantaxes laborais e educativas que ofrece a Comunidade Autónoma para garantir a integración efectiva dos retornados e retornadas a Galicia. Durante o encontro recordou os programas cos que conta a Xunta de Galicia para apoiar o emprendemento, así como o programa de Retorno Emprendedor da propia Secretaría que ten como obxectivo apoiar aos galegos e galegas que retornan e queren poñer en marcha o seu negocio na nosa comunidade autónoma.

Antonio Rodríguez Miranda difundiu este documento no Brasil, onde residen 50.333 cidadás e cidadáns galegos, logo do seu paso pola Arxentina, O Uruguai, Suíza e Alemaña. “A todos eles, ao igual que aos galegos do Brasil, trasladámoslles a importancia que ten, para a integración social dos retornados en Galicia, o apoio no eido laboral e formativo que estamos a ofrecer dende a Xunta de Galicia grazas a 100 medidas postas en marcha a través de todos departamentos autonómicos”, asegurou.  

Deste xeito, a nova Estratexia conta cun importante protagonismo do eido laboral, e que  ademais dos distintos programas de apoio ao emprendemento cos que contan as Consellerías de Promoción do Emprego e a de Economía, Industria e Innovación, a Secretaría Xeral da Emigración conta cunhas axudas directas para o Retorno Emprendedor que van dende os 6.000 aos 10.000 euros e que teñen como obxectivo axudar na posta en marcha dun negocio ás e aos galegos retornados que desexan emprender. Estas axudas abrirán proximamente a súa convocatoria.

Por outra banda, outra das propostas máis importantes é precisamente o programa Retorna Emprego, que busca casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais das e dos retornados. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina.

Esta medida, promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, foi exposta nestas charlas por representantes das fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas de xestionar a recollida dos currículums das candidatas e candidatos galegos do exterior e cadralos coas necesidades que ofertan as empresas galegas.

E no eido educativo, a medida máis importante é a das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME, que oferta 250 prazas para a realización dun máster nunha das tres universidades galegas e que se atopa agora mesmo aberta para os interesados e interesadas ata o 28 de abril.

367 lecturas