Miranda analiza con Manuel Enríquez, presidente do Consello da Comunidade Española da Baixada Santista, a situación da colectividade no Brasil

Manuel Enríquez aproveitou a visita para valorar e agradecer a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración no que a apoio económico, humano e social se refire.

Miranda e Enríquez, durante a reunión celebrada na sede de Emigración na capital de Galicia
Miranda e Enríquez, durante a reunión celebrada na sede de Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2023.

Antonio Rodríguez Miranda recibiu na Secretaría Xeral da Emigración a Manuel Enríquez, presidente do Consello da Comunidade Española da Baixada Santista, colonia que agrupa ao Centro Español de Santos, á Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficencia Rosalía de Castro así como ao Jabaquara Atlético Clube.  

Enríquez, que leva máis de 60 anos residindo no Brasil, participa activamente no día a día das entidades de Santos e, ademais, coñece en profundidade a situación da colectividade galega que alí reside. Por esta razón, aproveitou a visita para valorar e agradecer a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración no que ao apoio económico, humano e social se refire. 

Ademais de falar sobre as diferentes actividades culturais que a comunidade vai desenvolver nos vindeiros meses, este encontro serviu tamén para tratar sobre diferentes proxectos que se porán en marcha para promocionar os Camiños de Santiago.

Por último, Rodríguez Miranda, que o pasado ano tivo a oportunidade de acudir a este centro da “Baixada Santista” con motivo da presentación da Estratexia Galicia Retorna, mostrou a súa satisfacción polo traballo que estas entidades do Brasil realizan día a día, sendo un exemplo e mostra do significado e esencia que ten a colectividade galega do exterior. 

286 lecturas