Miranda amosa o seu apoio ao deporte como embaixador de Galicia no exterior na súa visita á Casa Galicia en Badajoz

O secretario xeral da Emigración visitou por primeira vez a entidade pacense, que patrocina desde hai décadas un equipo de fútbol que promociona o nome da comunidade polo territorio español.

A entidade badaxocense, fundada en 1998, está a dar un novo pulo á súa actividade asociativa e cultural
A entidade badaxocense, fundada en 1998, está a dar un novo pulo á súa actividade asociativa e cultural
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, amosou o seu apoio ao deporte como embaixador de Galicia no exterior. Fíxoo durante a súa visita á Casa Galicia en Badajoz, a primeira que realiza ás instalacións estremeñas. O responsable autonómico puido comprobar en persoa o forte arraigo que o deporte ten na entidade pacense, patrocinadora desde hai décadas dun clube de fútbol 7 que se xoga nestes intres os primeiros postos do seu grupo de Preferente e que leva o nome de Casa Galicia por todo o territorio español no que disputa encontros.  

“O deporte xoga un papel fundamental na colectividade, non tanto polos seus méritos físicos como polos valores que transmite. O compañeirismo, a fraternidade, o esforzo, o traballo e a honestidade son algunhas das virtudes que lograron que os galegos fosen queridos e respectados alá onde fosen e que escribiran historias de éxito como as que atopamos todos os días en cada recuncho do mundo. E son tamén as que enxalza o fair play”, salientou Rodríguez Miranda.

Encontro con directiva e persoas asociadas
A entidade badaxocense, fundada en 1998, está ademais a dar un novo pulo á súa actividade asociativa e cultural coa directiva presidida por María Jesús Ferreiro Vázquez. O secretario xeral da Emigración aproveitou a súa visita ás instalacións para manter un encontro tanto con responsables como con socias e socios da Casa Galicia en Badajoz para coñecer de primeira man a realidade dunha colectividade coa que comparte unha longa relación de acollida.

 

994 lecturas