Miranda aborda a situación das galegas e galegos de Madrid, dos máis afectados de España polo coronavirus, na terceira videoconferencia da rolda telemática de contactos

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro virtual cos e coas representantes dunha decena de entidades galegas situadas na comunidade madrileña, que acubilla máis de 78.000 cidadás e cidadáns galegos.

Na xuntanza participaron galegas e galegos de concellos madrileños como Alcobendas, Alcorcón, Tres Cantos, Fuenlabrada, o Corredor de Henares ou Móstoles.

Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das entidades galegas en Madrid
Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das entidades galegas en Madrid
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de abordar a crise do coronavirus cos galegos e galegas dunha das comunidades autónomas de España máis castigadas por esta pandemia. O titular do departamento galego quixo achegarse ás e aos galegos de Madrid para actualizar a súa situación e a dos centros arredor dos que se agrupa un gran número delas e deles. 

Na xuntanza participaron as e os representantes dunha decena de entidades galegas, como o Centro Gallego de Madrid, a Asociación Cultural Xirandela, a Xuntanza de Gallegos en Alcobendas, a Casa de Galicia en Alcorcón, a Banda de Música e Investigación Albedro, o Centro Cultural Gallego Lembranzas, o Centro Gallego de Tres Cantos, a Asociación Galega Corredor do Henares, o Centro Gallego Noroeste de Madrid, ou o Centro Gallego de Móstoles.

Todas e todos eles tiveron a oportunidade de expor como están a afrontar as consecuencias da propagación da COVID-19, así como do Estado de alarma decretado por mor desta pandemia, que está a castigar con especial virulencia á Comunidade de Madrid. Malia permanecer pechados, moitas destas entidades están a continuar a impartir as súas actividades formativas a través de diferentes plataformas dixitais que permiten aos seus socios e socias seguir a gozar destas iniciativas. Miranda aproveitou a ocasión para lembrarlles que os programas de solicitude de axuda seguen abertos, e adiantoulles as diferentes opcións que está a estudar a Secretaría Xeral da Emigración para axudar aos centros galegos do exterior a superar esta complexa situación do mellor xeito posible.

A comunidade con máis galegas e galegos
A Comunidade de Madrid alberga hoxe en día un total de 78.200 cidadás e cidadáns galegos, dos que 26.841 foron nados na provincia da Coruña, 15.527 na de Lugo, 15.501 na de Ourense e 20.331 na de Pontevedra, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), a data 1 de xaneiro de 2019. Trátase da rexión española que rexistra historicamente unha maior presenza galega.

En imaxes
392 lecturas