Miranda continúa a súa rolda de contactos coa colectividade cunha videoconferencia cos centros galegos de Madrid

O encontro permite ao secretario xeral da Emigración coñecer de primeira man a situación que están a vivir as entidades galegas nunha das rexións máis afectadas de España.

  • Antonio Rodríguez Miranda, na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela, durante a videoconferencia
    Antonio Rodríguez Miranda, na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela, durante a videoconferencia
  • Miranda, durante a reunión cos e coas representantes das entidades galegas en Madrid
    Miranda, durante a reunión cos e coas representantes das entidades galegas en Madrid
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, continuou hoxe a súa rolda de contactos coa colectividade cunha videoconferencia cos centros galegos de Madrid, unha das comunidades autónomas máis castigadas pola pandemia en España. 

O encontro permitiu ao titular do departamento autonómico actualizar a situación destes centros, arredor dos que se agrupa un gran número de galegas e galegos. Na xuntanza participaron os e as representantes do Centro Gallego de Madrid, Asociación Cultural Xirandela, Xuntanza de Galegos en Alcobendas, Casa de Galicia en Alcorcón, Banda de Música e Investigación Albedro, Centro Cultural Gallego Lembranzas, Centro Gallego de Tres Cantos, Asociación Galega Corredor de Henares, Casa Gallega de Fuenlabrada e Agrupación Artística Gallega Rosalía de Castro – Madrid.

Todos tiveron a oportunidade de expor como están a afrontar as consecuencias da propagación da COVID-19 nesta segunda onda. Malia a difícil situación que está a provocar esta crise sanitaria, moitas das entidades seguen a impartir as súas actividades formativas a través de diferentes plataformas dixitais que permiten aos seus socios e socias gozar destas iniciativas. 

Neste sentido, o encontro permitiu analizar as diferentes opcións para afrontar o vindeiro ano, na procura de manter a colaboración coas entidades a través dos distintos programas e liñas de axuda que permitan facer fronte aos gastos e aos problemas derivados da pandemia. 

A comunidade con máis galegas e galegos
A Comunidade de Madrid alberga hoxe en día un total de 78.200 cidadás e cidadáns galegos, dos que 26.841 foron nados na provincia da Coruña, 15.527 na de Lugo, 15.501 na de Ourense e 20.331 na de Pontevedra, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), a data 1 de xaneiro de 2019. Trátase da rexión española que rexistra historicamente unha maior presenza galega.

628 lecturas