MENSAXE DE FIN DE ANO DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pronunciou hoxe o seu discurso de Fin de Ano. Foto: Conchi Paz
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pronunciou hoxe o seu discurso de Fin de Ano. Foto: Conchi Paz
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2013.

 

Boas tardes.

Estamos no Centro de Transfusión de Galicia, no mesmo lugar onde a noite do 24 de xullo, miles de galegos e galegas responderon ante a maior catástrofe da nosa historia, e o fixeron dunha forma da que nos sentimos orgullosos e orgullosas.

Quero que as primeiras palabras sexan de recordo para as persoas falecidas na traxedia de Angrois, de alento para as súas familias nestas datas tan sinaladas.

Pero quero tamén acordarme das galegas e dos galegos que aquela noite se achegaron ata aquí para doar o sangue que necesitaban ás persoas feridas, así como de todas e todos os que dun ou doutro xeito colaboraron, axudaron, ou cumpriron co seu deber de socorrer ás e aos afectados. Aquela fatídica noite vimos unha Galicia a disposición de Galicia.

A miña presenza aquí é unha maneira de renderlle homenaxe a todas e todos os que, dende este mesmo lugar, demostraron que o noso é un pobo solidario e un pobo unido. Grazas de todo corazón.

Galicia amosouse, coma sempre o fixo nos momentos difíciles, como unha familia grande que camiña xunta dende tempo inmemorial, e quere manterse xunta no futuro. Sabemos de onde vimos, sabemos onde estamos e sabemos a onde imos.

Nestes días de xuntanza, os galegos e as galegas temos a sorte de congregar en torno á mesma mesa diferentes xeracións. Ninguén máis apto que as e os nosos maiores para lembrarnos que ningún tempo pasado foi mellor. As súas lembranzas axudan a entender con perspectiva a encrucillada na que se atopa o noso país. É unha situación difícil que esixe esforzos e sacrificios. Mais aló das estatísticas, a crise afecta a persoas que ven en perigo as súas posibilidades, en risco o seu proxecto vital.

Quen ten responsabilidades públicas nin pode ignorar eses dramas que están ao noso redor, nin pode enganar a xente afirmando que as solucións son simples. Non o son.

Cómpre dar respostas que non sexan efémeras, que permitan robustecer a sociedade e a economía, que garantan a continuidade desa idea común que chamamos Galicia.

A gran diferenza entre estas turbulencias e as que tiveron que padecer as e os que nos precederon, é que a nosa terra non está soa, nin carece de ferramentas propias para erguerse de novo. Formamos parte dun mundo que soubo conciliar liberdade e desenvolvemento. Compartimos con ese mundo desafíos, inquedanzas e medidas destinadas a preservar un modelo de vida que queremos para nós e para as e os que nos han de suceder.

Preservalo non é posible co inmobilismo. Todo o que conseguimos na democracia pode morrer se non somos quen de axustalo ás novas necesidades. Estámolo facendo con decisións que son moi semellantes ás que teñen que adoptar moitos pais e nais de familia.

A súa responsabilidade non lles permite negar teimosamente os problemas ou pospoñer temerariamente as solucións. A nosa, tampouco. Eles e elas queren para os seus o mellor dentro das condicións que veñen impostas pola realidade. Nós, tamén.

En vésperas da chegada do novo ano, Galicia pode ollar a recuperación coa confianza que dá o deber cumprido. Temos logrado que o substancial da Autonomía do benestar estea intacto, e todos os galegos e galegas poden ter confianza plena na solvencia e na continuidade dos Servizos Públicos. Este Centro de Transfusión de Galicia, que xustamente este ano 2013 cumpriu o seu 20 aniversario, é exemplo dun modelo público de benestar en pé dende hai moito tempo e que, malia a crise, estamos sendo capaces de manter e de mellorar.

Ademais diso, o noso país ofrece unha estabilidade social e política que contrasta con aventuras que levan a outras comunidades á división e á incerteza. Para a nosa idiosincrasia, non é doado entender que as institucións sirvan para crear fendas artificiais, agravios fantasmagóricos e obxectivos imposibles.

Crear frustración non é o obxectivo da política democrática. Xerar identidades excluíntes, conduce a enfrontamentos que poden tardar en cicatrizar. Fronte a ese modelo convulso, os galegos e as galegas seguimos outro tranquilo.

A nosa identidade é tan forte como calquera, pero non precisa inventar inimigos, nin erguer fronteiras, nin fomentar o illamento. Vemos en España unha patria común e solidaria, e en Europa un marco de convivencia compartido.

Non receamos dos veciños, senón que sempre vemos nelas e neles aliados cos que unir esforzos. Galicia, en definitiva, é responsable e fiable.

Así o ven aqueles e aquelas que nos últimos tempos decidiron compartir con nós a súa enerxía. Galicia é unha das comunidades autónomas máis atractivas para investimentos foráneos. A chegada de investidores aos sectores máis diversos, dende o naval ata a banca, é unha mostra de que emprendedores e multinacionais importantes queren iniciar unha andaina con nós. Confían na nosa capacidade, na nosa calidade humana e profesional.

Certamente, non creo que sexa casual que boa parte deses capitais proceda de nacións onde a nosa xente sementou un prestixio que poucos outros pobos teñen. Saben como somos e cren en nós e nas nosas capacidades.

Galicia está no mundo e o mundo está en Galicia. Cumprimos así un dos requisitos fundamentais para iniciar a fase da recuperación. Ese recoñecemento internacional certifica que a sociedade galega está facendo ben as cousas.

Esa aposta por nós de compañías habituadas a avaliar con precisión as posibilidades dun territorio, evidencia que estamos no bo camiño. Os esforzos non son estériles.

Dicir a verdade é o primeiro mandamento dun gobernante. Cando Galicia iniciou a súa ofensiva contra a crise, o diagnóstico non admitía paliativos: estabamos nunha situación de emerxencia. Negalo entón era irresponsable. Negar agora que se albisca un novo horizonte, é abonarse a un pesimismo que en nada axuda a reiniciar a senda do crecemento. Europa, España e Galicia están saíndo pouco a pouco da súa convalecencia. Hai que dicilo con tanta prudencia como convicción.

Dicíalles que falarlles dende este Centro de Transfusión é unha maneira de render homenaxe á nosa solidariedade. Ningún galego ou galega son alleos para outra ou outro galego. Existe entre nós un vencello que nin sequera pode romper a distancia, como o demostra o feito de que Galicia sexa algo presente e vivo na emigración.

O que nos identifica é a capacidade para arroupar o compatriota en dificultades, para socorrer o que precisa da nosa axuda. Non somos un país por estar xuntos, senón por facermos cousas xuntos e axuntarnos fronte á adversidade.

O mundo ollou admirado a reacción das e dos galegos diante da catástrofe ferroviaria de Angrois. Aquelas xornadas quedaron xa inscritas para sempre na nosa historia. Nos lugares máis afastados do mundo, millóns de persoas sentiron que aqueles homes e mulleres que rescataban, coidaban ou consolaban, estaban representando o mellor do xénero humano. Cómpre conservar ese espírito e facer del a nosa divisa. Eu penso que os galegos e as galegas somos así e queremos seguir sendo así.

Con ese desexo, expreso a miña felicitación a todos. Somos un gran pobo que vén de lonxe e quere ir lonxe. Confiemos en nós. Miremos o futuro con decisión.

Deséxolles boas festas e un 2014 que dea resposta a todas as nosas esperanzas.

Moitas grazas.

668 lecturas