Feijóo apela á capacidade de mancomunar esforzos que sempre caracterizou a Galicia para superar a crise mantendo o benestar e o desenvolvemento

O pasado sábado, durante a Mensaxe de Fin de Ano 2011.

Afirma que os políticos teñen unha “responsabilidade especial”, se ben asevera que se precisará do esforzo e da participación da sociedade no seu conxunto. “Hai un horizonte limpo para Galicia se camiñamos xuntos”, di.

Lembra que, moito antes de que se empezara a facer no resto da nación, en Galicia xa se falaba con naturalidade de termos como austeridade, planificación, responsabilidade e estabilidade das contas públicas.

Destaca que grazas a esa anticipación, “Galicia contará para este 2012 cuns orzamentos públicos que, nunha España ás portas dunha nova recesión, garanten a viabilidade das prestacións públicas esenciais e coas que non renunciamos a remontar a adversidade”.

Asegura que podemos conservar cotas de progreso acadadas ata agora pero a cambio de reforzar pautas que nos leven a priorizar as necesidades. “Non é válida a opción de agochar os problemas. Tampouco é posible pospoñer as solucións”.

Recalca que Galicia é un pobo maduro e realista que merece ser tratado con respecto, “e o mellor respecto tradúcese nos nosos días en dicir a verdade, o primeiro deber do gobernante e o primeiro dereito do cidadán”.

Subliña que é no Parlamento galego, que cumpriu trinta anos de plena madurez, onde queda patente a nosa capacidade para facer grandes obras

Expresa o desexo de que o 2012 “sexa propicio ás nosas esperanzas” e manifesta o seu compromiso de que porá todo o seu empeño en que isto sexa posible.

  • O Presidente da Xunta de Galicia durante a mensaxe de Fin de Ano 2011
    O Presidente da Xunta de Galicia durante a mensaxe de Fin de Ano 2011
  • O Presidente da Xunta de Galicia durante a mensaxe de Fin de Ano 2011
    O Presidente da Xunta de Galicia durante a mensaxe de Fin de Ano 2011
Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou este sábado, na mensaxe de Fin de Ano, á capacidade de mancomunar esforzos que sempre caracterizou a Galicia para superar a crise mantendo o benestar e o desenvolvemento.

Na misión de afrontar esta situación, o responsable do Goberno galego afirmou que “os políticos temos unha responsabilidade especial”, se ben aseverou que se precisará do esforzo e da participación da sociedade no seu conxunto. “Hai un horizonte limpo para Galicia se camiñamos xuntos. Fagámolo”, aseverou.

Feijóo salientou que Galicia é un pobo maduro e realista que merece ser tratado con respecto; “e o mellor respecto tradúcese nos nosos días en dicir a verdade, o primeiro deber do gobernante e o primeiro dereito do cidadán”. Neste sentido, afirmou que hai lugar para a preocupación, pero non para a desesperanza e lembrou que, moito antes de que se empezara a facer no resto da nación, en Galicia xa se falaba con naturalidade de termos como austeridade, como planificación, como responsabilidade e estabilidade das contas públicas.

“O tempo demostra que estivemos a cumprir co noso deber: grazas a esa anticipación, mentres outras administracións toman hoxe drásticas decisións, Galicia contará para este 2012 cuns orzamentos públicos que, nunha España ás portas dunha nova recesión, garanten a viabilidade das prestacións públicas esenciais e coas que non renunciamos a remontar a adversidade”.

Feijóo asegurou que podemos conservar cotas de progreso acadadas ata agora pero a cambio de reforzar pautas que nos leven a priorizar as necesidades. “Non é válida a opción de agochar os problemas. Tampouco é posible pospoñer as solucións. Os galegos sabémolo ben”.

Consciente do desacougo de moitas persoas, empresas e sectores, especialmente dos millóns de desempregados que viven nunha angustiosa incerteza, reiterou a necesidade de unir esforzos. “Xuntos –dixo- debemos esforzarnos e buscar unha saída para os que están pasando por máis dificultades”.

Feijóo remarcou que a nosa comunidade sempre tivo un robusto sentimento comunitario. “Os galegos sentímonos parte dun todo. Cooperación, axuda, colaboración, son palabras frecuentes no noso vocabulario. Hoxe, son virtudes imprescindibles para contrarrestar os efectos da crise. Non eliximos este mundo cheo de incertezas que habitamos, pero si está nas nosas mans disipalas aproveitando o mellor de nós mesmos. Velaí o valor inmenso que ten a nosa capacidade de mancomunar esforzos”.

O titular da Xunta lembrou que Galicia foi protagonista de moitos empeños colectivos: “De cada crise acontecida no pasado, rexurdiu como un país renovado. Nunca cesaron de producirse ideas novas, proxectos innovadores. Nunca faltaron homes e mulleres capaces de unirse en torno a empresas comúns”. E destacou que é no Parlamento galego, que cumpriu trinta anos de plena madurez, “onde queda patente a nosa capacidade para facer grandes obras”.

“O noso país quixo dotarse dunha voz que falara por todos os galegos; quixo facer patente a súa unidade; quixo reafirmar o desexo de compartir inquedanzas, problemas e triunfos. O Parlamento é unha realidade gozosa porque ten os alicerces nunha comunidade forte, cohesionada e viva. En ningún lugar está escrito o noso destino. O destino dos galegos e das galegas escríbeno os galegos e as galegas”.

O responsable do Goberno galego concluíu expresando o desexo de que o 2012 “sexa propicio ás nosas esperanzas” e manifestou o seu compromiso de que porá todo o seu empeño en que isto sexa posible.

674 lecturas