Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

  • Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
    Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
  • Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
    Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
  • Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
    Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
  • Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
    Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
  • Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
    Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
Vídeo coa mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2021.

Boas tardes a todos.

Chegadas estas datas, é tempo de botar a vista atrás e facer balance dun ano que unha vez máis volveu estar condicionado pola covid e que lamentablemente volve a condicionar este Nadal, que non está a ser como a todos nos gustaría.

Por iso, antes de nada, quero mandar unha aperta a todas esas familias que perderon un ser querido por mor da pandemia e a todos os que se atopan nos hospitais loitando por superar a enfermidade.

E tamén quero dar as grazas a eses profesionais, coma Yolanda Moares, que tanto nos coidaron e que volveron dar o mellor para salvar vidas e para curarnos. E que o seguen facendo.

Un grazas de corazón e de parte de todos os galegos a médicos, enfermeiros, auxiliares, a todos os sanitarios pero tamén a aqueles que co seu traballo fan que a vida sexa un pouco menos dura cada día: policías, xente de protección civil, traballadores de residencias, mestres...

Co seu esforzo, e o de todos os galegos, logramos que a taxa de mortalidade sexa a máis baixa da Península e conseguimos reducir o impacto da pandemia grazas ao sentidiño.

Estamos a ser un exemplo de responsabilidade e solidariedade na vacinación, cunhas das taxas máis altas de España e de Europa.

Nieves, Nieves foi a primeira dun proceso que está a ser modélico. Millóns de galegos pasaron polos recintos de vacinación ao longo deste ano e aínda o fan agora para recibir a dose de reforzo e para vacinarse por primeira vez os nenos. Un proceso nunca visto e que mereceu a Medalla de Ouro de Galicia para os profesionais que o puxeron en marcha.

Sen dúbida, as vacinas son fundamentais para ver a luz ao final do túnel, afrontar con maior seguridade as novas variantes e ondas e tentar sobrepoñernos dunha vez a esta pandemia. O camiño non é sinxelo, pero os galegos somos quen de superar os obstáculos e chegar a bo porto.

Demostrárono este ano os deportistas galegos, que se superaron a si mesmos e volveron de Toquio con 11 medallas. Pero a verdade é que este ano foron moitos os galegos que mereceron o ouro. Os hostaleiros. Os profesores. Os empresarios. Os nosos maiores. Os nenos. Agricultores e gandeiros. Xentes do mar. E todos aqueles que con esforzo, humildade e sacrificio, non se renderon e que contribúen a facer cada día unha Galicia mellor. 

Porque os galegos somos un exemplo de resiliencia antes de que se inventase esa palabra. Somos quen de dar o mellor de nós mesmos e seguir camiñando. Así o fixemos hai 40 anos, cando tamén con obstáculos e dificultades, aprobamos o Estatuto de Autonomía e emprendemos o camiño de maior progreso da nosa historia recente.

Catro décadas de avances nos que Galicia ten demostrado dende unha esquina da península que ser leal non é incompatible con ser reivindicativo. Que é posible sumar e servir aos cidadáns de Galicia e de España ao tempo que se mantén a identidade e as raíces. E todo iso é posible grazas aos galegos.

Sen dúbida, o Xacobeo marcará o vindeiro ano, como tamén o fará a evolución da pandemia e como afrontar a recuperación económica.

Seguro que aínda quedan dificultades. Estamos de cheo nelas. A incertidume de novas ondas, a suba do custo da vida, o prezo da luz... van ser pedras no camiño.

Pero Galicia conta cos instrumentos para facer fronte ao virus e por suposto está preparada para aproveitar os fondos europeos e poñer en marcha unha serie de proxectos que contribúan a dinamizar a nosa economía, xerar emprego e avanzar nun novo modelo máis verde, máis innovador e máis xusto.

Estamos preparados porque fixemos os deberes e porque temos o mellor recurso: a nosa xente.

Galicia non é só a fin do camiño, é tamén orixe e o camiño en si mesmo. O Camiño de Santiago é un modelo de concordia e está na orixe da construción europea.

Neste 2022 temos un novo Ano Xacobeo, de forma extraordinaria, e imos aproveitar todo o seu potencial. Todos estades convidados a participar dun acontecemento extraordinario, a gran festa de Galicia onde todos sodes benvidos.

Estou seguro de que en 2022, Galicia seguirá avanzando e os protagonistas non van ser outros que vós, as galegas e os galegos. Vós sodes imprescindibles para camiñar cara unha Galicia mellor.

Feliz Ano 2022 a todos. 

  • Audio: Mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Descargar
546 lecturas