Feijóo felicita ao triatleta galego Javier Gómez Noya pola súa medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, “un éxito para todos os galegos e para todos os españois”

Refírese ao deportista ferrolán como un exemplo de determinación, esforzo e sacrifico, “a única clave para o éxito”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que presenciou a proba na praza de Amboage, en Ferrol, afirma que o acadado onte “mostra o estado de forma do noso deporte, así como a excelente fonte de deportistas que temos no noso Centro galego de tecnificación deportiva”

Listen to this page using ReadSpeaker
8 de agosto de 2012.

Javier Gómez Noya prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, felicita ao triatleta galego Javier Gómez Noya por acadar, onte, a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, “un éxito –afirma- para todos os galegos e para todos os españois”.

Feijóo destaca que esta medalla de prata acredita que estamos ante un dos mellores atletas do mundo e máis completos, sendo a proba de triatlón unha das máis completas das disciplinas olímpicas.

O presidente da Xunta refírese a Gómez Noya como un exemplo de determinación, esforzo e sacrificio, “a única clave para o éxito”. “Creo que as Olimpíadas son unha forma de reflexionar sobre os problemas que temos neste momento a nivel xeral de España e de Europa. Sen esforzo, sen traballo, sen determinación e sen superación é imposible triunfar; e ver a este rapaz que se adestra, que é capaz de vencer as dificultades nunhas olimpíadas, que de momento están sendo escasas para España, e que sube ao segundo caixón do podio é toda unha lección para todos os galegos e para todos os españois”.

Así mesmo, o titular da Xunta desexa “moita sorte” ao resto dos deportistas galegos que nos representan nestes xogos que teñen lugar na capital británica e expresa a súa confianza en que o número de medallas aumente.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que presenciou a proba na praza de Amboage, en Ferrol, destaca que despois do espléndido cuarto posto de Pekín e dunha carreira chea de magníficos resultados ao máis alto nivel competitivo, o acadado onte polo deportista ferrolán é “realmente impresionante”. “Mostra o estado de forma do noso deporte, así como a excelente fonte de deportistas que temos no noso Centro galego de tecnificación deportiva”.

973 lecturas