Mensaxe co gallo do Día Internacional da Persoa Migrante

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2021.

Seguimos a vivir tempos difíciles e incertos, nos que a saúde e a seguridade económica son dereitos aos que moitas e moitos non teñen acceso. A Xunta de Galicia sempre estivo, e sempre vai estar, a carón de quen máis o precisa, cunha especial atención ao colectivo de migrantes no seu día internacional, xa que non pode haber escusa algunha para que estes dereitos retrocedan, independentemente do status legal de cada persoa ou das crises que estea a atravesar o planeta en cada momento. 

Nun mundo globalizado, onde estamos a contemplar, a través dos medios de comunicación e das redes sociais, imaxes que vulneran seguridades e dignidades, dende a Administración autonómica facemos un chamamento ao apoio ás persoas, sexa cal sexa a súa condición, cultura, nacionalidade, sexo ou idade. E neste senso, seguiremos a traballar para estar ao carón de todas e todos os galegos, tanto dos que viven aquí como dos que residen no exterior, e tamén, evidentemente, de aquelas e aqueles que, chegando de fóra, son xa parte da nosa sociedade. 

Termos como solidariedade, cooperación, acción colectiva, apoio mutuo e respecto son esenciais nun momento especialmente duro como o que estamos a vivir, cunha crise sanitaria que ten efectos negativos inevitables en tódalas sociedades, incluída a nosa. 

Galicia ten demostrado en infinitas ocasións ao longo da súa historia que é un pobo solidario e valente, capaz de axuntar esforzos e recursos para poñelos ao servizo das e dos que máis o precisan. Desde o Goberno galego temos claro cal é o noso obxectivo, e tamén que para logralo precisamos da implicación de toda a sociedade galega. Porque esta pandemia arrebatounos cousas queridas a todas e todos, e só entre todas e todos poderemos recuperalas para agrandar a ilusión e a xenerosidade que tan ben nos definen. Xuntas e xuntos seremos sempre máis fortes.

Fabiola García, conselleira de Política Social
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración

410 lecturas