Mensaxe co gallo do Día Internacional da Persoa Migrante

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020.

Os tempos nos que vivimos están a ser duros para todas e todos, pero o colectivo das e dos migrantes está a sufrir de xeito moi especial a pandemia da covid-19, non só pola distancia das e dos seus seres queridos, senón pola debilidade económica de moitos deles e delas nun escenario de consecuencias complexas. Como a propia Organización das Nacións Unidas recoñece, a crise sanitaria non pode ser una escusa para retroceder na protección dos seus dereitos, independente do status legal de cada persoa. 

Seguridade, dignidade, dereito á saúde e igualdade seguen a ser máximas esenciais para as persoas. Dende a Xunta de Galicia estamos a traballar para estar ao seu carón e apoialas, e seguiremos a potenciar proxectos e liñas de axudas que permitan saír adiante a todos os galegos e galegas, tanto a aquelas e aqueles que viven aquí como a aquelas e aqueles que residen no exterior e a aquelas e aqueles que, chegando de fóra, forman parte da nosa sociedade.

A situación que estamos a vivir vai ter efectos innegablemente negativos na nosa sociedade, pero tamén serviunos a todas e todos (persoas de todas as idades, condicións, culturas e nacionalidades), a atopar un oco dentro do universo virtual que nos permite encontrarnos e facer fronte xuntas e xuntos a esta crise. Porque a solidariedade é a mellor arma que temos para superala e poder, así, recuperar o calor humano que nos está a roubar esta pandemia.   

Desde a Xunta de Galicia sabemos que a nosa sociedade é forte e madura, e que todas e todos unidos,  cunha maior cooperación e cunha maior acción colectiva, poderemos encarar unha recuperación social e económica que permitirá recuperar o perdido e volver á liña do crecemento. Seguiremos a traballar como unha familia unida cos e coas de aquí, cos e coas que marcharon buscando novos horizontes e cos e coas que apostaron, por primeira vez, pola nosa terra para botar raíces así como ás e aos que decidiron retornar. Xuntos e xuntas sempre seremos máis fortes.                     

Fabiola García, conselleira de Política Social
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración

En imaxes
517 lecturas