Mato destaca o “esforzo e solidariedade” dos galegos e galegas que traballan en entidades sociais e dos voluntarios

A Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe na Coruña o congreso Lo que de verdad importa.

Mato incidiu na “inmensa” achega dos voluntarios á sociedade, e lembrou que este é o Ano europeo do voluntariado.

Listen to this page using ReadSpeaker
28 de abril de 2011.

A Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou hoxe o “esforzo e a solidariedade” dos galegos e galegas que traballan en entidades sociais, ao tempo que valorou a “inmensa achega” que realizan os voluntarios e voluntarias ao conxunto da sociedade.

Así o salientou hoxe durante a súa intervención na inauguración do congreso “Lo que de verdad importa”, que se celebra na Coruña. Nas súas palabras, a titular do departamento autonómico fixo referencia á importancia de consolidar os “valores básicos” dentro da sociedade, “empezando polos poderes políticos e económicos”.

Mato quixo facer unha especial mención “aos miles de galegos e galegas que traballan en entidades sociais, facendo posible unha sociedade máis integradora para os nosos maiores, para as persoas con discapacidade, e para outros moitos colectivos”.

Ademais, lembrou que este é o Ano europeo do voluntariado, e que Galicia vai acoller este ano o Congreso estatal dirixido a este colectivo. Neste sentido, sinalou a importante achega dos voluntarios e voluntarias –tanto dos mozos e mozas, como da xente de todas as idades-, e considerou que este labor “cobra novas dimensións na situación actual, na que todas as mans fan falla para empuxarnos ata o final do túnel”.

Ao respecto , lembrou a relevancia que outorga a Xunta ao papel que desempeña este colectivo; un compromiso que xa se reflectiu cando o Goberno Galego incluíu aos voluntarios “con nome propio” dentro do seu Plan de Actuación Social para toda a lexislatura.

1402 lecturas