Mato ofrece o apoio da Xunta os mozos e mozas da Galicia exterior e aposta por fomentar o seu intercambio coa xuventude residente na comunidade

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, clausurou hoxe o primeiro Congreso da Xuventude Galega no Exterior, que se celebrou esta mañá en Bos Aires.

A titular do departamento autonómico animou á mocidade a completar a súa formación académica coa adquisición de habilidades laborais, a través de intercambios e educación non formal.

Defendeu as políticas a favor da xuventude en Galicia, que teñen en conta as súas necesidades e o especial efecto que a crise económica actual está tendo sobre este colectivo.

A titular de Benestar visitou, horas antes do encontro coa mocidade, o centro galego de maiores de Domselarr, que conta con máis de 2.500 persoas asociadas.

Listen to this page using ReadSpeaker
17 de decembro de 2009.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ofreceu hoxe o apoio da Xunta aos mozos e mozas da Galicia exterior e apostou por fomentar o intercambio entre eles e a xuventude residente na comunidade, en tanto a promoción do voluntariado é un “ben importante” na sociedade e que está especialmente presente na mocidade.

Así o declarou hoxe a titular do departamento autonómico, durante a clausura en Bos Aires do primeiro congreso da xuventude galega no exterior.

“A Xunta estará ao voso lado para favorecer todos aqueles mecanismos que nos permitan axudarvos no voso día a día, mantervos ao tanto das políticas xuvenís que poñemos en marcha e ofrecervos a participación en actividades de intercambio e coñecemento das vosas raíces”, declarou Mato ante os participantes.

Durante a súa intervención, a titular do departamento autonómico mostrou a súa confianza en que os mozos e mozas residentes no exterior continúen “apostando pola galeguidade e por manter o sentimento de pertenza a esta comunidade”.

Para conseguilo, defendeu as políticas xuvenís do Goberno galego, que ademais de ter en conta as necesidades dos mozos no eido laboral, tamén fan fincapé na promoción do voluntariado, un “ben importante” para reforzar a sociedade civil.

“Vamos fomentar o intercambio de experiencias cos mozos e mozas galegos”, asegurou Mato, quen recordou que recentemente se celebrou en Santiago de Compostela un Congreso de Voluntariado ao que acudiron máis de 200 participantes, dos que unha cuarta parte procedía de quince países diferentes.

No que respecta ao mercado laboral, Mato animou á xuventude a completar a súa formación académica “coa adquisición de habilidades laborais, a través dos intercambios e da educación non formal”.

“Preocúpanos o efecto da crise económica actual sobre a xuventude, un dos sectores máis afectados polo paro”, sinalou a conselleira. Isto, continuou, “quere dicir que corremos o risco de desperdiciar o voso potencial”. Por iso, dixo, a Consellería de Traballo e Benestar aposta polas políticas activas de emprego e porá en marcha un Plan de emprego xuvenil para paliar o avance de desemprego entre os mozos e mozas.

Finalmente, Mato declarou a súa “especial emoción” por participar no seu primeiro acto na Galicia da emigración e engadiu que Galicia ten “unha inmensa débeda de gratitude” coa emigración, xa que a súa herdanza é “unha mostra de xenerosidade”.

Encontro con maiores
Horas antes do encontro coa mocidade, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou o fogar galego para maiores de Domselaar, entidade que conta con máis de 2.500 familias asociadas, das que máis de 1.800 son galegas.

Durante a súa visita, Mato destacou a labor deste centro creado no ano 1943 na parroquia bonaerense de San Vicente. Desde entón estas instalacións acollen múltiples actividades culturais e sociais, destacando a labor solidaria que se realiza cos máis necesitados ofrecendo aloxamento no seu albergue, en funcionamento desde hai máis de 30 anos.

Desde a Xunta de Galicia préstase apoio a esta entidade para que os usuarios deste centro poidan realizar cursos de formación e terapia ocupacional facilitando aos maiores que non perdan habilidades e tentando que recuperen algunhas das que teñen algo deterioradas.

1753 lecturas