Mato salienta no Día de Galicia en Euskadi os “moitos lazos” que unen ao pobo vasco e ao galego

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, representou onte en Eibar ao Goberno galego na conmemoración do 26º Día de Galicia en Euskadi.

Lembrou que son máis de 50.000 os galegos e galegas que viven no País Vasco, onde existen 12 Casas de Galicia.

Mato entrevistarase hoxe coa conselleira de Emprego e Asuntos Sociais do Goberno vasco, Gemma Zabaleta.

Listen to this page using ReadSpeaker
26 de setembro de 2011.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, fixo fincapé onte nos “moitos lazos” que unen ao pobo vasco e no galego e apostou por renovalos no marco da conmemoración onte do Día de Galicia en Euskadi.

Mato acudiu en representación do Goberno galego aos actos de conmemoración deste día, que se celebrou en Eibar. En concreto, trátase da 26ª edición do Día de Galicia en Euskadi.

A titular do departamento autonómico lembrou que, actualmente, viven no País Vasco máis de 50.000 galegos e galegas. De feito, nesta Comunidade autónoma existen 12 Casas de Galicia, ás que lles agradeceu o seu “esforzo e contribución á hora de manter vivos os valores e tradicións de Galicia”.

Durante a súa intervención, Mato destacou a importancia de valorar o “privilexio que representa o poder beber de dúas fontes culturais e históricas tan representativas como o son a galega e a vasca”.

Por último, a conselleira aproveitou para recordar os anos da súa estadía en Euskadi e mostrou o seu agradecemento por ter a oportunidade de ser a representante do Goberno galego nesta conmemoración.

A conselleira de Traballo e Benestar aproveitará a súa estadía no País Vasco para entrevistarse hoxe en Vitoria coa conselleira de Emprego e Asuntos Sociais do Goberno Vasco, Gemma Zabaleta, para avaliar e abordar actuacións que se están levando a cabo nesta área nos dous territorios. Co mesmo fin, Mato manterá tamén unha xuntanza coa deputada de asuntos sociais de Álava, Marta Alaña.

1339 lecturas