Máis de 8.000 persoas visitaron xa o stand de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient

Durante as actuacións musicais que amenizan o recinto de promoción da comunidade galega no certame francés o público completa sempre o aforo previsto. Os asistentes mostran especial interese pola cultura popular galega, os espazos naturais, a gastronomía e o Camiño de Santiago.

Listen to this page using ReadSpeaker

Máis de 8.000 persoas visitaron xa o stand instalado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo para a promoción da Cultura e o Turismo de Galicia, no Festival Intercéltico de Lorient (Francia), que se está celebrando entre os días 5 e 14 de agosto.

No recinto galego, que conta cunha superficie de 200 metros cadrados, as actuacións do grupo de música popular Ophiusa conseguiron encher en todas as ocasións o aforo previsto dentro do recinto de promoción de Galicia.

Polo que respecta ás demandas de información por parte do público que visita o espazo de promoción de Galicia no festival de Lorient, estas refírense especialmente á cultura popular galega, os espazos naturais, a gastronomía e o Camiño de Santiago.

Distribución do recinto galego
O espazo de promoción de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient conta coas seguintes seccións: área de Información e difusión da oferta turística xeral de Galicia, área de información e difusión do Camiño de Santiago, área de degustación de produtos gastronómicos, área de proxección de vídeos turísticos e escenario para actuacións musicais.

Por outra parte, durante todos os días de celebración do Festival, o pavillón galego contará con actuacións musicais que amenizarán a estancia dos visitantes. Así, do día 5 ao 9 de agosto cóntase co folk dinámico e actual de Ophiusa. O día 10 de agosto tomará o relevo o grupo Cantata Vernácula, formado polos recoñecidos músicos Suso Vaamonde e Xoán Porto, e que actuará diariamente ata o día 14 de agosto.

Ademais, durante a celebración do festival, o gaiteiro Suso Ascariz, finalista do Trofeo MacCrimmom, celebrado na pasada edición do Festival de Lorient, ambientará coa súa música tradicional o pavillón galego.

796 lecturas