Máis de 40 galegos residentes en Venezuela están a recibir axuda médica grazas ás axudas da Secretaría Xeral da Emigración

Os beneficiarios son na súa maioría anciáns, en risco de exclusión social e residentes en Caracas e Valencia.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2010.

Un total de 43 galegos residentes en Venezuela e que se atopan en situación de necesidade están xa a recibir atención hospitalaria e servizos de residencia grazas ao convenio asinado pola Secretaría Xeral da Emigración para ofrecer atención sociosanitaria, farmacéutica e asistencial aos galegos que se atopen en Venezuela e que non dispoñan de asistencia sanitaria e de prestación farmacolóxica.

A Secretaría Xeral da Emigración xa recibiu as primeiras certificacións e os informes médicos da atención que se está a levar a cabo ao abeiro do convenio asinado coa Fundación Apoio á Cidadanía Española en Venezuela, que está a permitir prestar asistencia aos galegos residentes en Venezuela que máis o necesitan.

Concretamente, no Hogar San José de las Hermanas de los Ancianos Desamparados de Caracas estase a ofrecer servizos de residencia a 25 anciáns galegos en situación de risco de exclusión social ou en situación carenciada, mentres que no Hogar San Vicente Paul, en Valencia, están a ser asistidos outros 14 emigrantes galegos en situación de necesidade. Así mesmo, ao abeiro de convenio xa se prestou atención especializada ambulatoria a outra persoa, atención cirúrxica hospitalaria a outra máis e outras dúas recibiron atención farmacéutica e médica.

Así consta na primeira memoria remitida á Secretaría Xeral da Emigración pola Fundación Apoio á Cidadanía Española en Venezuela, na que se recolle documentación relacionada cos beneficiarios das axudas, informes sociosanitarios dos beneficiarios e facturas e xustificantes de pago das accións que serán sufragadas con cargo ao convenio.

O propio convenio, polo que a Secretaría Xeral da Emigración se comprometía a achegar un máximo de 120.000 euros, establece que os pagamentos se irán facendo contra certificación acreditativa e documentación xustificativa dos gastos realizados, que é o que ten comezado a recibir agora a Xunta de Galicia.

1608 lecturas