Emigración destina á Casa de Galicia de Montevideo 50.000 euros para a atención médica e farmacéutica a galegas e galegos residentes na capital uruguaia

O secretario xeral da Emigración mantivo hoxe unha videoconferencia co presidente esta entidade, Alberto Iglesias Rodríguez. 

  • Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración co presidente da Casa de Galicia de Montevideo
    Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración co presidente da Casa de Galicia de Montevideo
  • Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración co presidente da Casa de Galicia de Montevideo
    Imaxe da videoconferencia do secretario xeral da Emigración co presidente da Casa de Galicia de Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co presidente da Casa de Galicia de Montevideo, Alberto Iglesias Rodríguez, na que se lle trasladou o compromiso dun acordo de colaboración por 50.000 euros para a atención médica, social e farmacéutica dos galegos e galegas residentes que así o precisen na capital uruguaia a través do seu centro de día.

Iglesias Rodríguez trasladoulle ao secretario xeral a preocupación que existe no país entorno á situación da pandemia, que está a influír en tódolos niveis, tanto sociais coma sanitarios e económicos. 

A Casa de Galicia de Montevideo é unha entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 1917, como sociedade de instrución, recreo, sanidade e protección ao traballo, que xestiona un sanatorio policlínico central de grandes dimensións, así como outros oito policlínicos zonais, que dispoñen de laboratorios de análise clínica, salas de hemodinámica, sala de operacións e área de información pediátrica.

A entidade ten o compromiso de dar cobertura a tódolos seus asociados e asociadas, a maioría de orixe galega e as e os seus descendentes. Froito deste convenio coa Secretaría Xeral da Emigración, o hospital presta cobertura sanitaria gratuíta aos galegos e galegas en situación de carencia ou de necesidade económica.

A Secretaría Xeral da Emigración estima que é necesario ampliar a súa colaboración co obxecto de contribuír á asistencia á colectividade galega residente neste país que, por razóns de carencia ou dependencia, se atope en situación de necesidade e non poida afrontar o custo destas prestacións. “Especialmente nesta época de pandemia, xa que a situación motivada pola covid-19 leva, especialmente no caso dos máis maiores e vulnerables, a pasar graves dificultades”,  explicou Rodríguez Miranda.

705 lecturas